CulturaCulturaEn portadaÚltima hora

Segunda intervención en Celeiros (Chandrexa) para atopar ao guerrilleiro Benigno Fraga

Desta volta o equipo da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica está convencida de que os restos localizados son os seus, algo que deberá confirmarse nas análises de laboratorio

Un dos momentos do traballo de búsqueda dos restos de Benigno Fraga en Celeiros (Chandrexa de Queixa)./ Foto: ARMH/ https://memoriahistorica.org.es/

 

Abril de 1949. Un guerrilleiro antifranquista era abatido pola Garda Civil no Candedo (Ourense). Tratábase de Benigno Fraga Pita, alcumado “O Vello”. Era natural de As Somozas (A Coruña) e estaba asentado na base de A Edreira, no Macizo Central Ourensán.

Setenta anos despois da súa morte, a Asociación para a Recuperación de Memoria Histórica (ARMH) iniciaba a súa busca, a petición da súa neta e bisneta, no cemiterio de Celeiros (Chandrexa de Queixa). Nunha primeira intervención realizada o 26 de xullo de 2019, atopaban uns restos, pero, tras realizar as correspondentes análises no laboratorio, descartouse que fosen os de Benigno Fraga.

Neste verán a ARMH intentábao de novo, seguindo a información da causa depositada no Arquivo Militar de Ferrol, en concreto un acta de inhumación que sitúa o lugar do seu enterramento. “Volvemos replantexar este ano o permiso, mirando outras posibilidades e interpretando todos os datos dos que dispoñíamos sobre as feridas que lle causaron a morte”, explican dende esta entidade.

 

 

Así, na mañá do pasado venres 3 de xullo un equipo da ARMH, dirixido polo arqueólogo Serxio Castro Lois, realizaba unha nova intervención no cemiterio de Celeiros. “Comezamos a exhumar moi cautelosos e pensando que podía haber enterramentos posteriores, pero demos con restos máis rápido do que pensabamos”, comentan dende o equipo, formado por unha decena de voluntarios da asociación, tanto da zona como doutros puntos de España. Estes traballos eran seguidos moi de preto pola neta, Carmen Fraga.

Na exhumación descubrían a “un home enterrado boca abaixo, con esquirlas de balas de Mausser, restos do que podía ser a roupa que levaba no seu momento, e logo tamén coincidía coa zona e coas referencias que se aportaban na acta de enterramento. Recollimos estes restos e agora faremos análise en laboratorio, realizaremos un contraste xenérico. Estaban enterrados onde dicía a dilixencia e estamos convencidos de que pode ser el, algo que permitiría pechar xa o capítulo da súa busca”. Isto deberá confirmarse finalmente co ADN.

 

Outro dos momentos desta intervención en Celeiros./ Foto: ARMH/https://memoriahistorica.org.es/

 

Benigno Fraga Pita, nacido en 1892, traballou como mestre armero nos arsenais de Ferrol e exerceu como secretario de organización do PCE nesa mesma cidade. Viuse obrigado a fuxir cando se descubriu a súa pertenza á partido. Incorporouse a guerrilla e nese momento o partido enviouno a Ourense, “onde asentou a súa base na Edreira, unha casa de proporcións considerables no Macizo Central ourensán, onde se poden contabilizar un total de ata 18 guerrilleiros, entre os que estaba tamén Camilo de Dios”, segundo a información facilitada pola ARMH.

Nova exhumación en Fornelas (A Pobra de Brollón)

Neste mesmo verán, os membros da ARMH teñen previsto volver a Galicia para realizar unha nova exhumación de dous repesaliados, desta volta na localidade de Fornelas no municipio da Pobra de Brollón, onde xa teñen realizado outras intervencións.

Fotos: ARMH.

 

Artigos relacionados

Back to top button