OurenseÚltima hora

Seis filmes relacionados co Camiño de Santiago, no ciclo Xacobeo do OUFF

O 27º Festival Internacional de Cine de Ourense celebrarase do 23 de setembro ao 1 de outubro

Publicidade
Frame de ‘Peregrinas. Mulleres no Camiño’ de José Antonio Vázquez Tain.

 

Despois de iniciarse na pasada edición do festival, o Ciclo Xacobeo volverá ter presenza neste 27º OUFF, que se celebrará entre os próximos 23 de setembro e 1 de outubro. Trátase dunha escolla de filmes que fan un repaso pola importancia que o Camiño de Santiago tivo e ten ao longo da historia do cinema. En base ao acordo do Festival de Cine de Ourense coa Xunta de Galicia para levar a cabo esta iniciativa, tamen se estableceu que este ciclo completo poida viaxar ata diferentes localidades galegas a través da Federación de Cineclubs de Galicia.

Nesta edición o público do festival poderá gozar de seis filmes coa temática común da Ruta Xacobea para completar o ciclo iniciado o ano pasado. Os filmes escollidos son O Camiño de Santiago. A orixe (Jorge Algora, 2004), un documental de xénero histórico que desvela moitos segredos da Ruta Xacobea; a estadounidense ¡Buen camino! (2013, Lydia B. Smith), na que a cineasta sigue os pasos de seis peregrinos de diferentes idades, nacionalidades e crenzas para explorar a faceta máis humana da ruta; ou Footprint: el camino de tu vida (Juan Manuel Cotelo, 2016), no que once rapaces do deserto de Arizona que viaxan ata España para realizar o Camiño de Santiago son acompañados durante 40 días e 1.000 quilómetros polo director.

Esta segunda parte do ciclo que se verá no 27º OUFF complétase con Al final del camino (2009, Roberto Santiago), que narra unha ficción na que unha parella que se odia ten que facer xunta este percorrido; O Apóstolo (Fernando Cortizo, 2012), un filme en stop motion que se mergulla nas tradicións e a imaxinería máis tenebrosa dos mitos galegos; e Peregrinas. Mulleres no Camiño (José Antonio Vázquez Tain, 2022), un documental no que se descubre o protagonismo da muller na historia do Camiño de Santiago, defendendo o papel e a impronta que moitas mulleres deixaron nos distintos camiños a Compostela.

O Camiño de Santiago. A orixe (Jorge Algora, 2004)
¡Buen camino! (Lydia B. Smith, 2013)
Footprint: el camino de tu vida (Juan Manuel Cotelo, 2016)
Al final del camino (2009, Roberto Santiago)
O Apóstolo (Fernando Cortizo, 2012)
Peregrinas. Mulleres no Camiño (José Antonio Vázquez Tain, 2022)

O Ciclo Xacobeo ao completo

Aos filmes anteriormente expostos hai que sumarlle os que se pasaron na última edición do festival: dende Cotolay, unha das primeiras películas rodadas na provincia de Ourense; pasando por Buñuel con La Vía Láctea; ata outras máis actuais como o documental Tres en el Camino; a francesa Peregrinos; The Way, dirixida por Emilio Estévez e co seu pai Martin Sheen como protagonista; ou The Great Way, dirixida polos ourensáns Raúl García e Alba Prol. Deste xeito, configúrase un Ciclo Xacobeo completo con 12 filmes que viaxarán nos próximos meses ata varias localidades de Galicia para deslocalizar as actividades do festival dos seus días de celebración e darlle continuidade no tempo.

Artigos relacionados

Back to top button