En portadaÚltima hora

Sentida despedida ao atleta Luis Nogueira na súa localidade natal, San Vicente de Leira (Vilamartín de Valdeorras)

 

Ao son das gaitas e o clarinete (coa “Marcha de San Bieito” e a “Marcha de Breixo”), chegaba e entraba no cemiterio parroquial de San Vicente de Leira (Vilamartín) ás 13h. deste sábado, o féretro do atleta Luis Nogueira Fernández, acompañado dun reducido grupo de familiares, amigos e veciños, sempre mantendo as medidas de seguridade sanitaria. Xunto ao cadaleito, a súa xavelina e un ramo de flores silvestres, recén recollidas dos monte valdeorrés que tanto quixo.

Deste xeito comezaba o enterro deste destacado e querido atleta valdeorrés, que falecía o 1 de abril aos 65 anos. Ademais da música tradicional galega, non faltaban os aplausos e as palabras de recoñecemento, homenaxe e despedida de familiares a amigos. Poñíalles voz un emocionado Ricardo Gurriarán.

“Eu sei que Luis, quería, quixo e foi querido por todo o mundo e non podo agora mesmo poñer palabras ao que era Luis, a súa familia natural, a súa familia de residencia, os seus veciños de San Vicente, da comarca de Valdeorras, os seus compañeiros do club de atletismo… Eu non teño nin adxectivos, nin substantivos, Luis era Luis”, comezaba dicindo.

“Era un home que pasou da billarda á xavelina, sen ningún problema, que dunha cultura de San Vicente pasou a unha cultura catalá, e que se fixo do Barça e era do Celta. Un home que daba todo, todo o que tiña era de todos cun impresionante compromiso social, sempre contra as iniquidades, loitando polos servizos públicos que, dalgún xeito nesta época que estamos vivindo, son tan difíciles de manter. E, Luis era, sobre todo persoa, e como tal se manifestou en Valdeorras no seu ámbito de traballo, no seu ámbito do atletismo e logo cos seus montes, a súa natureza. Luis non necesitaba moito, era amante das cousas pequenas, cunha sensibilidade atroz, cun quefacer polos demais constante”, resaltaba.

 

 

Deseguido, daba lectura a unha serie de textos enviados por amigos e familiares e tamén polos seus veciños e amigos de San Vicente de Leira. “Era un home que percorreu 50.000 recunchos, non houbo besta que o amedrentara, ata que se topou con unha que o foi enganando, arrincoando a traizón, ata sempre irmao, voltamos coa nosa tribo!”.

Outro dos textos que lía era o dunha sobriña-neta de Luis Nogueira, Marina, de 12 anos, que lle escribía estar verbas: “Conseguíchelo, batiches un récord, lanzaches a xavelina tan forte que chegou ata as estrelas e fuches a buscala. Agora que estás aí enriba tes unha misión Luis, ensinarlle ás estrelas como brillar, que ti diso sabes moito”.

Finalmente, Gurriarán concluía esta sentida despedida indicando que “hoxe estamos todos con el e queremos fundirnos nesa entropía que logo nos imos ver máis alá e seguramente desfrutemos con Luis de novo. A todos grazas e con Luis estaremos sempre”.

A melodía da gaita, desta volta coa “Muiñeira de Sampaio”, soaba novamente nesta derradeira despedida a Luis Nogueira Fernández, á que asistían familiares, compañeiros de traballo no Hospital de Valdeorras, tamén persoas do mundo atletismo como o presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos; e un dos seus alumnos de xavelina, Jorge Prada, así como amigos e veciños, e membros de Protección Civil de Vilamartín. Así mesmo estaba presente o alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez; o tenente de alcalde do Barco, Aurentino Alonso; ademais de concelleiros rueses.

 

 

A homenaxe dos veciños de San Vicente de Leira

Inicialmente estaba pensada como un agasallo a Luis Nogueira por parte da Asociación de Veciños de San Vicente Leira, pero o destino convertiuna nunha homenaxe póstuma. Apenas unhas horas antes de coñecer a noticia do seu falecemento, dende esta entidade colocábase unha placa en lousa, feita polos propios veciños, na porta da casa natal do atleta, coa súa imaxe gravada lanzando a xavelina e co texto “Orgullo de veciño”.

“Nun principio a intención era que a vira Luis, pero non sabiamos tampouco do seu estado de saúde. E xustamente o día que fumos a colocar, pouco despois, foi cando nos enteramos desgrazadamente do seu falecemento e xa foi a modo de homenaxe”, comenta Rubén dende a asociación.

 

Artigos relacionados

Back to top button