EconomíaEconomíaEn portadaÚltima horaVídeos

Sentida homenaxe de AEVA a Carlos Terán e Santiago Melo, ex presidentes da entidade

Esta organización lembraba neste 18 de setembro a súa calidade humana, espírito emprendedor e a súa aposta pola unión do sector empresarial valdeorrés

Publicidade

 

Numerosas persoas se reunían na tardiña do 18 de setembro na praza José Otero do Barco para render unha sentida homenaxe póstuma aos ex presidentes da Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA), Carlos Terán e Santiago Melo. No decurso deste acto público, organizado por AEVA, lémbrabase a súa traxectoria, o seu traballo, cercanía, calidade humana e dedicación ao sector empresarial e á comarca de Valdeorras.

Carlos Terán Díaz foi un dos membros da comisión xestora creada a finais dos anos 80 e que daba lugar o 31 de marzo de 1990 a AEVA e, ademais convertiríase no seu primeiro presidente, un cargo que ocuparía ata 1992. Foi unha intensa etapa na que se apostou por converter a AEVA nun motor dinamizador da comarca e canalizador das súas demanas en materia de infraestruturas e solo industrial. Desa época falaba a vicepresidenta de AEVA, María Carmen Rodríguez, que daquela tamén formaba parte da directiva e que glosaba a figura de Carlos Terán e compartía experiencias vividas con el na asociación. “Non só se buscaba a unión do sector empresarial, senón tamén dos territorios, queríase poñer en valor a Valdeorras no seu conxunto”, destacaba.

 

 

Nada máis constituírse AEVA xa se daban de alta 127 empresas e a asociación botaba a andar. Daquela “non tiñamos nin sede nin ordenador, só unha máquina de escribir e un teléfono”, pero esa falta de medios, engadía, suplíase con ilusión, imaxinación e traballo”, comentaba María Carmen Rodríguez, comentando despois as diferentes sedes que tivo a asociación e lembrando tamén nese momento inicial o apoio da Confederación Empresarial de Ourense (CEO). “Carlos Terán era un infatigable loitador e compatibilizaba o seu cargo co negocio familiar, ao que hoxe lle dá continuidade o seu fillo Carlos”. Ademais María Carmen Rodríguez agradecía “a xenerosidade de Carlos Terán por terme incorporado ao seu equipo”.

 

María Carmen Rodríguez, vicepresidenta de AEVA./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Seguidamente, recoñecíase a Santiago Melo Moreno, presidente de AEVA entre os anos 2000 e 2008, que logo continuaba na xunta directiva da entidade como vicepresidente. Ademais estivo vinculado ao mundo empresarial a través do negocio familiar, Talleres Meleiro, SA, ao que dedicou 35 anos da súa vida. Foi vicepresidente da Confederación Empresarial de Ourense (CEO), formou parte das xuntas directivas da Asociación Agader Valdeorras, do Consello de Administración de Sogarpo, do padroado de Expourense ou do Consello Asesor do Parque Natural dá Enciña dá Lastra, e participou activamente na constitución da Asociación Centro Comercial Aberto O Barco.

 

María Fernández, representante da CEO./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

“A paixón polo seu traballo e pola comarca, o seu carácter afable e aberto, a súa capacidade de entrega e a súa dedicación a todos os proxectos nos que se implicaba servíronlle para ter un merecido recoñecemento por parte da sociedade valdeorresa no seu conxunto”, dicía en nome de AEVA a presentadora do acto, Ainhoa Carracedo, que despois daba paso a María Fernández, responsable do departamento de comercio internacional da Confederación Empresarial de Ourense (CEO), quen achegaba de maneira emotiva o labor de Santiago Melo na CEO. “Con el como vicepresidente por primeira vez Valdeorras estivo representado a nivel provincial. Era o mellor embaixador de Valdeorras no mundo, sentíaa e amábaa profundamente”, dicía. Tamén resaltaba “a súa gran capacidade de traballo, entrega e ilusión en todo o que emprendía”, ademais da “súa capacidade de reacción e adaptación, que nos sorprendeu a todos” e a súa aposta pola internacionalización das empresas.

 

 

A homenaxe finalizaba coa entrega dunhas placas conmemorativas ás familias de Carlos Terán e Santiago Melo por parte da CEO, de mans de María Fernández, e tamén por parte de AEVA, entregadas pola súa presidenta, Araceli Fernández del Palacio.

 

 

Ambos barquenses serán lembrados “polo seu espírito emprendedor, pola súa calidade humana e por apostar pola unión dun sector empresarial dinámico e competitivo, así como por lograr a consolidación de AEVA. Carlos e Santiago deixaron pegada na historia da asociación”, destaca AEVA.

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button