ConcellosCulturaCulturaEn portadaEntroido 2023O BoloÚltima hora

Sentida lembranza a “Ino” de Buxán (O Bolo) na visita dos folións de Viana e Vilariño de Conso a esta aldea

 

O latexo do Entroido tomaba as rúas de Buxán na tardiña do sábado 21 de xaneiro. Esta localidade bolesa recibía a visita dos folións de Viana do Bolo e da Asociación Xuntos polo Fulión de Vilariño de Conso, iniciando así un intercambio de visitas que despois o folión visitado lles devolverá máis adiante.

Boas noites veciños de Buxán/ eu son o Boteiro de Viana/ veño a estrenar o Entroido/ a este pueblo con moita gana./ Para nós é unha honra/ poder estar no pueblo de Buxán/ e do folión disfrutar./ Viana Buxán e Vilariño/ todos coa mesma tradición/e por moitos anos máis/ que nos una ilusión“, dicía o Boteiro de Viana do Bolo antes do inicio da ronda.

 

Non era só a primeira visita do Entroido nesta aldea, senón que ademais se vivía de xeito moi emotivo pola homenaxe que o folión vianés lle rendía a Severino Salgado “Ino”, un veciño deste pobo apaixoado do Entroido e que falecía hai unhas semanas, con versos na súa honra: “Coa man no corazón/ levanto a careta/ miro ao ceo/ e aínda se escoita a corneta./ Esto lle quero dedicar,/ porque hoxe aquí non pode estar/ ao noso amigo “Ino”/ por el imos a disfrutar“, recitaba o Boteiro vianés, mentres soaba unha corna.

 

 

Deseguido, o folión de Viana entregáballe a un familiar de Severino un detalle “como recordo na súa honra”. Despois os bombos, sachos e gadañas e cornas dos folións de Vilariño de Conso e de Viana enchían da voz do Entroido as rúas de Buxán, precedidos polos saltos dos seus Boteiros.

https://youtube.com/shorts/YuWHOoACKcA?feature=share

Tras a ronda, a veciñanza de Buxán ofrecíalle unha cea na Casa do Pobo desta localidade. Comeza deste xeito o Entroido en terras bolesas.

 

Foto: Carlos G. Hervella.

 

Fotos e vídeos cedidos, agás as 7 últimas imaxes da galería que son de Carlos G. Hervella.

Dende O Periódico O SIL amosamos o noso agradecemento ás persoas que cederon estas imaxes.

 

 

https://youtube.com/shorts/Kmn5V-AdrP0?feature=share

 

 

Artigos relacionados

Back to top button