OurenseÚltima hora

Só o tramo do Sil Superior pasa de alerta a prealerta por seca tras as choivas

O tramo do Sil Inferior e Cabe (correspondente a Valdeorras) continuará en alerta pero dende a CHMS din que, de seguires con estas precipitacións, pasará ao nivel normal
Francisco Marín deu conta dos datos dos últimos meses de choivas. // Foto: Carlos Asensio.

A Oficina Técnica da Seca, dentro da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, mantivo hoxe, 12 de xaneiro, unha xuntanza para avaliar os resultados tras as precipitacións destas últimas semanas. Segundo anunciou o presidente do organismo de conca, Francisco Marín, tendo en conta os datos das últimas precipitacións o tramo do Sil Superior, correspondente ao paso do afluente pola provincia de León, pasa de estar en “alerta por seca a prealerta”.

Segundo explicou o presidente, a demarcación hidrográfica do Miño-Sil divídese en seis tramos: Miño Alto, Miño Baixo e Limia, Sil Superior e Sil Inferior e Cabe (neste tramo estaría Valdeorras). Neste punto, todos os tramos da CHMS que transcorren por Galicia manteñen a situación de alerta por seca “segundo os indicadores do antigo Plan da Seca”, que data do 2007, explicou Marín, xa que están á agarda a que se aprobe a renovación do mesmo, “que inclúe o termo escasez “,dixo, que foi exposta ao público no BOE hai poucas semanas.

Marín reiterou que a situación está “moito mellor”. Explicou que houbo 18 meses de “precipitacións moi escasas”, concretamente choveu un 40% menos, dixo. En canto ao último ano, as precipitacións caeron un 30% con respecto aos rexistros do 2016. Con respecto ao cómputo global destes dous anos “malos”, Francisco Marín cifrou só nun 12% menos de precipitación.

Pero parece que os resultados destes meses son máis que bos e a CHMS xa non está tan pendente do ceo. Concretamente, o pasado mes de decembro caeron 200 litros por metro cadrado, “cando o normal soen ser 150”, asegurou o presidente. E no que levamos de xaneiro “as precipitacións van un pouco por riba da media”. Francisco Marín aventurouse a predicir que, de seguires as precipitacións como até o de agora, o Miño Alto e o Sil Superior “pasarían a estar en niveis normais e o resto dos tramos a prealerta”. Francisco Marín destacou que o orballo que caeu estes días na provincia “foi clave” para que esta situación mellorase, sobre todo nos mananciais. Neste eido, exemplificou a mellora asegurando que o río Limia “xa está a levar algo de auga”, cando no verán estaba completamente seco.

No eido dos encoros, estes están a o 50%, segundo o achegado por Marín, “a dez puntos menos ca o ano pasado”. Pero, de seguires así, “estamos no bo camiño”, reiterou.

En canto ás previsións, o presidente da CHMS volveu tirar do achegado polo servizo meteorolóxico americano que prognostica un xaneiro “chuvioso” e un febreiro “normal” e que nos vindeiros meses os índices de precipitación van estar “normais ou un pouco por riba do normal”.

Restos dos incendios 

Outra das cuestións polas que o presidente foi preguntado na rolda de prensa posterior á xuntanza da Oficina Técnica da Seca foi o tema dos restos dos incendios que foron arrastrados polas precipitacións. Neste senso, Francisco Marín asegurou que non tivo constancia de grandes alertas por ese tema, pero explicou que en Xunqueira de Espadanedo lle alertaron de que tiveron problemas por arrastre de cinzas e outros restos nun núcleo preto do Monte Meda. Pero reiterou que o orballo axudou “a que eses restos asentasen e non saísen arrastrados”.

 

Artigos relacionados

Back to top button