PolíticaÚltima hora

A socialista Noela Blanco leva ao Parlamento galego o mal estado da estrada Viana-San Agustín

Esta deputada vén de rexistrar varias inciativas na Cámara galega para reclamar a reparación deste vial
A deputada socialista Noela Blanco, na visita realizada a Viana do Bolo en xuño.

A necesidade de reparación da estrada Viana-San Agustín-Poboado de San Sebastián será abordada no Parlamento galego. A deputada socialista Noela Blanco vén de rexistrar varias inciativas nesta Cámara, entre elas unha pregunta no pleno, onde lle reclamará tanto de forma oral como por escrito á Xunta que lle solicite a Endesa a reparación deste vial.

“A veciñanza de Viana do Bolo leva anos denunciando o mal estado desta estrada, onde cada día se enfrontan veciños, ambulancias, transporte escolar, e visitantes en xeral, ás fochancas, aos desconchóns e á maleza presente nesta vía, o que leva ocasionado numerosos accidentes”, tal e como asegura Blanco no texto da pregunta oral presentada á Mesa do Parlamento.

A deputada socialista ourensá critica que “a degradación das vías secundarias de comunicación no oriente ourensán, e máis concretamente nas áreas de montaña como é o caso de Viana do Bolo, é unha realidade constante”.

E ao cruzamento de competencias entre administracións para saber quen debe arranxar as estradas súmase neste caso, continúa Blanco, que hai estradas como ésta que foron realizadas polas compañías eléctricas para dar acceso inicialmente a lugares onde ían operar coa construción de encoros e centrais hidroeléctricas. Blanco destaca a necesidade de arranxar este vial de forma urxente porque se trata dunha zona “cunha gran riqueza turística, cultural e recreativa”, polo que é moi transitada no verán.

A necesidade de arranxo desta estrada era unha das demandas que lle transmitían os socialistas vianeses na visita que Noela Blanco realizaba a este concello ourensán no pasado mes de xuño.

Artigos relacionados

Back to top button