PolíticaÚltima hora

Son de Manzaneda fará unha reestruturación parcelaria pública de 837 hectáreas neste concello

A candidatura desta formación política está encabezada polo actual alcalde de Manzaneda, Félix Domínguez
A candidatura de Son de Manzaneda./ Foto cedida.

No agro, na mellora enerxética, nas infraestruturas, no patrimonio e na protección social pon o foco o programa co que a candidatura de Son de Manzaneda, que lidera Féliz Domíguez, se presenta ás vindeiras eleccións municipais neste concello. É un programa resultado de “debates, reunións, visitas a vilas ou peticións da veciñanza do concello de Manzaneda”, din dende esta formación política.

Un proxecto polo que apostan “conscientes das dificultades ás que nos enfrontamos a diario polos continuos recortes aos que os concellos galgos do rural son sometidos a diario, presentámonos a estas eleccións visualizando as oportunidades coas que contamos como concello, así como co aval de ter realizado máis do 80% do anterior programa electoral”.

Boa parte das propostas de Son de Manzaneda inciden na agricultura e gandería. Entre elas figuran “a promoción do desenvolvemento sostible do concello mediante un impulso preferente á actividade agrícola e gandeira e forestal e a loita contra os incendios forestais baseándonos nun aproveitamento sostible dos nosos montes mediante a creación dun rabaño municipal de cabras e ovellas”.

Tamén pretenden levar a cabo “unha reestruturación parcelaria de carácter público, por iniciativa do Concello e que xa conta co respaldo das persoas titulares das parcelas e explotacións existentes nas aldeas de Placín, Trabazos, San Miguel e Requeixo cunha extensión de 837 hectáreas de superficie”. Ademais mellorarán a xestión directa dos servizos de auga de rego e fontes e arranxarán diversos camiños rurais, así como a construción da ponte da Bidueda en Requeixo.

O programa tamén recolle actuacións en materia de mellora enerxética, arranxo e acondicionamento de diversas infraestruturas, equipamentos e servizos básicos, como a substitución da rede de abastecemento en Tonxil e Soutipedre.

Son de Manzaneda defende tamén a cultura, patrimonio e deportes con iniciativas como a “dinamización de todas aquelas actividades sociais, culturais, pedagóxicas, deportivas, patrimoniais e turísticas con orixe en Manzaneda que axuden a enxalzar e dinamizar positivamente o noso concello”. Tamén proxectan sinalizar os recursos naturais, paisaxísticos e arquitectónico e arranxar diversos elementos de carácter etnográfico como fornos e fontes.

No referente á protección social, Son de Manzaneda propón un plan de transporte municipal público adaptado e seguir mantendo unha serie de axudas como as dos nados recentemente ou de servizos como diversos programas de servizos sociais. Ademais unificarán “a residencia da Terceira Idade e Centro de Día para ofertar 10 prazas máis”.

 

Artigos relacionados

Back to top button