ConcellosÚltima horaVilariño de Conso

Soutogrande (Vilariño de Conso), entre as 3 novas aldeas modelo que se veñen de declarar en Galicia

Coas tres novas declaracións, acádase un total de 21 aldeas modelo aprobadas no conxunto da comunidade para poñer en valor preto de 600 hectáreas arredor dos núcleos de poboación que se busca poñer en valor

Foto: Carlos G. Hervella.

 

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, dependente da Consellería do Medio Rural, vén de resolver a declaración de tres novas aldeas modelo, no marco da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Trátase das de Soutogrande, no concello ourensán de Vilariño de Conso; Cortegazas, no tamén municipio ourensán de Avión; e Ferreiros, na localidade coruñesa de Ames.

Así, a aldea modelo de Soutogrande, en Vilariño de Conso, ten unha superficie de 33,50 hectáreas, distribuídas en 99 parcelas de 46 titulares catastrais. Canto á de Cortegazas, en Avión, abrangue 15,11 ha, repartidas en 727 parcelas de 99 propietarios. Por último, a de Ferreiros, en Ames, ten unha superficie de 8,55 hectáreas, con 128 parcelas implicadas de 52 titulares catastrais.

As novas aldeas modelo decláranse en colaboración cos concellos correspondentes, todos eles situados en zonas de alto risco de incendios (ZAR) e adheridos ao sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias. Cabe lembrar que o obxectivo principal desta figura recollida na Lei de recuperación é devolver á produción terras con boa aptitude agronómica que se atopen en estado de abandono ou infrautilización, impulsando deste xeito nova actividade económica agroforestal que non só fixe poboación e xere riqueza na contorna, senón que -ao tempo- reduza o risco de incendios forestais e mellore a calidade de vida dos veciños dos núcleos que se busca poñer en valor.

As novas aldeas modelo declaradas súmanse ás xa en marcha e fan un total de 21. Por provincias, hai unha na Coruña, outra en Pontevedra, cinco en Lugo e 14 en Ourense que, conxuntamente, acadan as 574,18 ha de superficie de actuación, 9.346 parcelas e 2.359 titulares catastrais.

A maiores, séguese cos traballos de recollida de sinaturas doutras sete aldeas modelo de cara á súa aprobación: unha na Coruña, outra en Lugo, unha máis en Pontevedra e catro en Ourense. En total, representarán outras 194,84 ha de superficie de actuación, 3.395 parcelas e 901 titulares catastrais.

Artigos relacionados

Back to top button