OurenseÚltima hora

Stop Accidentes concienciará a peóns e condutores para reducir os atropelos na cidade

O colectivo levará a cabo unha campaña de concienciación, en colaboración co Concello e o concesionario Renault-Luis Aragonés, en diferentes rúas de Ourense
Sofía Godoy, Carmen Aragonés, Jesús Vázquez e Dainel Pousada canda ao coche cedido polo concesionario Luís Aragonés.

“Non perdas a túa vida, ti es o responsable”. Este é o título da nova campaña que o colectivo Stop Accidentes, en colaboración co Concello de Ourense e os concesionarios Renault- Luis Aragonés, levarán a cabo en diferentes puntos da cidade. Os voluntarios e os membros do colectivo irán nun vehículo, cedido polo concesionario Renault concienciando á cidadanía en materia de atropelos: “a campaña irá enfocada aos peóns que cruzan mal así como aos condutores que estacionan os seus vehículos en puntos onde se dificulta a visión para o peón que vai cruzar, que non ve o vehículo que se aproxima, e para o condutor que non ve que hai un peón intentando atravesar a rúa”, informou un dos responsables de Stop Accidentes, Daniel Pousada, na presentación de hoxe, 17 de abril.

As accións informativas comezará o mércores, 19 de abril, entre as 10:15 e as 13:00 horas. Pola mañá será a quenda da rúa Eulogio Gómez Franqueira, a Avenida de Marín e a Avenida das Caldas e, pola tarde, estarán na Avenida da Saínza con Pena Trevinca. “Buscamos eses puntos negros da cidade onde se produciron atropelos ou accidentes máis graves”, dixo Daniel Pousada. Durante o mes de abril e comezos de maio seguirán indo pola cidade con esta campaña. Entre as acciones concienciadoras, entregarán un marca páxinas con consellos e amosarán un vídeo dun atropelo. “En Stop Accidentes cremos que hai demasiados atropelos. Para nós unha vítima é moito e, por iso, a través desta campaña a pé de rúa queremos reducir os accidentes dentro da cidade”, asegurou Daniel Pousada.

Pola súa banda, o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, remarcou que “este é un asunto transversal que afecta a todos, tanto peóns como condutores e que lle estamos dedicando grandes esforzos deste este goberno”. En concreto, aportou datos da Policía Local. Segundo o rexedor municipal, dende que comezaron coa campaña de prevención de atropelos, a finais de marzo, os axentes locais denunciaron a un total de 50 condutores (16 por non respectar os semáforos e 34 por estacionamentos indebidos que dificultaban a visibilidade nos pasos de peóns). Asemade, tamén amoestaron a 59 peóns por cruzar de xeito indebido a calzada e 6 foron denunciados por pór en risco a circulación por cruzar mal. Jesús Vázquez concluíu o seu discurso do seguinte xeito: “como dicimos en Galicia, sentidiño e moito ollo”.

 

Presentación da campaña no Salón de Plenos.

Fotos e texto: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button