CulturaCulturaÚltima hora

Taller online “Sete lecturas perigosas para unha illa deserta”, impartido polo filósofo Ignacio Castro Rey

O filósofo e crítico de arte, Ignacio Castro Rey./ Cedida.

 

Nos meses de setembro (días 18 e 25) e de outubro (2, 9, 16, 23 e 30 17:00 horas España 10:00 horas México) desenvolvarase o taller online (vía zoom) “Sete lecturas perigosas para unha illa deserta”, promovido por LIMO Producciones e que será impartido polo filósofo compostelán Ignacio Castro Rey.

“É función deste taller volver sobre algúns libros cuxa sabedoría foi e é un depósito medicinal para emerxencias. Buscaremos unhas caixas de ferramentas que nos permitan sobrevivir con instrumentos primarios que apenas teñen reflexo nesta sociedade, prisioneira do espectáculo do progreso”, adianta Rey.

As sete lecturas arredor das que xirará o taller serán: “Cartas a un joven poeta” de Rainer Maria Rilke “Esto es agua” de David Foster Wallace, “La hora de la estrella” de Clarice Lispector, “Pedro Páramo” de Juan Rulfo, “Ecce homo” de Friedrich Nietzsche, “Carta a un religioso” de Simone Weil e “Una soledad demasiado ruidosa” de Bohumil Hrabal.

“A través destes libros formidables preguntarémonos que tipo de potencia de investimento, de metamorfose, encerra unha literatura onde se depositou unha intelixencia para o risco que a maioría do corpo social ha decidido ignorar. Tensados polo único “xénero” da intensidade, desde a narración breve ao ensaio, será moi proveitoso poñer a proba certo realismo romántico cuns poucos libros que encerran un potencial explosivo de volta, de regreso a unha vida ordinaria que, diga o que diga a caste que nos dirixe, segue sendo perigosa”, aseguran os promotores da iniciativa.

Ademais, matizan “non se trata só de ler senón dunha experiencia física, á maneira dun camiño que nos cambia. Mentres viaxas, reprodúceste.

 

Ignacio Castro Rey é filósofo e crítico de arte. Ademais de autor de múltiples artigos e conferencias, de ser profesor convidado en distintas universidades, ten publicados diversos libros, entre eles, “En espera”, “Lluvia Oblicua”, “Mil días en la montaña” e “Ética del desorden”.

O custo do taller será de 70 euros en España e de  $1,500 en México. A organización do taller facilitará as lecturas en pdf e, unha semana antes de cada sesión, Ignacio Castro enviará unha proposta de lectura.

Máis información e inscricións no correo electrónico: jazars@icloud.com

Artigos relacionados

Back to top button