EntrevistasÚltima hora

Tito Asorey: ” ‘A Camisa’ de Lauro Olmo é unha peza cunha extraordinaria pulsión dramática”

Este ourensán, membro da compañía A Quinta do Cuadrante, vén de dirixir o podcast desta obra do dramaturgo valdeorrés

O ourensán Tito Asorey./ Cedida.

 

Considerada unha obra emblemática do teatro realista de contido social, La Camisa, escrita en 1960 polo dramaturgo barquense Lauro Olmo (1921-1994), estreábase en Madrid en 1962 no Teatro Goya cun gran éxito. Retrata o drama da emigración na pel dunha familia que que se debate entre emigrar para mellorar a súa situación ou seguir malvivindo no seu barrio de sempre.

Ademais esta peza marcaba o inicio da salientable traxectoria teatral deste valdeorrés. Cando se cumpren 60 anos desa estrea, e no marco da celebración do centenario de Lauro Olmo, vén de presentarse a versión podcast en galego de A Camisa, un proxecto promovido polo Concello do Barco xunto coa compañía A Quinta do Cuadrante e co Consello da Cultura Galega (CCG).

Trátase dunha ficción sonora de cinco episodios (que se apoia nunha tradución ao galego de Ramón de Valenzuela), o primeiro dos cales xa pode escoitarse en http://consellodacultura.gal/especiais/a-camisa/. Conta coa dramaturxia e dirección do ourensán Tito Asorey (A Quinta do Cuadrante), quen considera un marabilloso e inesperado descubrimento encontrarse coa obra de Lauro Olmo. Ademais é un dos actores do elenco, do que tamén forman parte María Costas, Davide González, Nacho Castaño, Josito Porto, Vanesa Sotelo e Melania Cruz.

 A Camisa é ademais o segundo podcast deste tipo realizado pola Quinta do Cuadrante, tras A Lindona de Galicia. “Ademais da boa acollida que tivo, o bo disto é que o traballo pasa a formar parte dun arquivo para sempre, permanece, e iso é un valor deste formato dixital. Este tipo de alternativas son moi interesantes á hora de dar a coñecer a un autor e de achegarnos á súa obra”, asegura Asorey, se ben matiza que “evidentemente, esa obra está feita para ser representada nun teatro”.

– ¿Como xurde o proxecto deste podcast que retoma o teatro de Lauro Olmo?

Recibín unha chamada do Concello do Barco, en concreto de Gustavo Docampo, plantexándome a posibilidade de facer en formato podcast A Camisa, tendo en conta a celebración do centenario de Lauro Olmo. Encantoume a idea porque ademais era unha oportunidade de achegarme a ese dramaturgo co que realmente non tivera moito contacto. Lin o texto, dixen que si e tiramos para adiante. Ademais existía unha tradución de Ramón de Valenzuela, que é a que utilizamos, aínda que está un pouco tocada por nós para achegala a unha normativa actual. E aí xa falamos co Consello da Cultura Galega, a eles tamén lles interesou moito este proxecto e entraron nel.

Entón xa tiñamos armados os vimbios para empezar. Primeiro traballei sobre a dramaturxia da obra, escollendo as partes máis interesantes para deixar a duración total dos 5 episodios nunha hora e dez minutos, tendo en conta que a obra orixinal e dunha hora e media aproximadamente. A continuación achegamos o texto ao galego actual e logo fíxose a escolla do elenco, no que tiven a sorte de contar con xente moi, moi interesante. Tamén contamos con Chus Silva que fai a sonorización, que é a peza importantísima.

 

Tito Asorey xunto ao resto do equipo do podcast de “A Camisa”./ Imaxe: A Quinta do Cuadrante.

 

– A Camisa é unha obra con moitos personaxes en escena, uns 16, con escenas superpostas, moi visuais, ¿resultou moi complexo levar todo iso unicamente ao son?

Si. Cando reescribín o texto para pasalo dun formato de teatro visual a outro só auditivo, digamos, xa na miña cabeza ía buscando a forma de que se entendese ben só co audio porque na peza orixinal hai danse en moitas ocasións escenas montadas unha sobre a outra, non acabou unha escena e xa empezou a seguinte, etc. E neste caso organiceino de tal forma que as escenas non fosen tan encabalgadas posto que iso si resultaría máis complexo. Ademais deixamos todo moi explicitado, os personaxes que entran os que saen, dicindo o seu nome para marcalo máis… Traballamos cunha sinalética auditiva sen ter conta o visual para pasar dunha linguaxe á outra.

– ¿Que criterio se seguiu á hora de estruturar a obra en 5 episodios? ¿seguíronse en certo modo os actos?

A peza orixinal ten tres actos e nós aquí troceámola en 5 capítulos para chegar a esa duración ideal para escoitar de entre 12 e 15 minutos por episodio, pero si que hai algún capítulo que corresponde a un acto. Poderían terse feito unicamente tres capítulos, seguindo a orde do autor, pero resultarían demasiado longos para traballar na linguaxe sonora.

Ademais hai que ter en conta que os capítulos acaben un pouco en alto para que a xente queira seguir escoitando. Isto é algo que tamén me parece moi bonito deste traballo e que me recorda moito ás radionovelas que había cando eu era pequeno, é un volver a aquel momento.

– Pasaron xa 60 anos dende a súa estrea, pero moitas das temáticas da obra seguen moi de actualidade como son a emigración, a crise económica…

Si, totalmente. Para min foi unha sorpresa encontrarme con este autor, cunha peza tan boa. Nela houbo dúas cuestións que me chamaron a atención. A primeira, que era como contar a vida dos meus pais, que estiveron emigrados en Suíza e tiveron un bar. Hai moitas cousas que te retrotraen a esa época dos anos 60, a esa fuxida dunha España triste, sen moitas posibilidades, e, por outra banda, a de volver ter que emigrar hoxe nunhas condicións que moitas veces non son moito mellores que as dos nosos pais. E desas cuestións fala tamén Olmo na súa peza, da xente que quere marchar e do medo ás condicións que teñen nos lugares que os acollen,

Paréceme unha peza cunha extraordinaria pulsión dramática, con personaxes superinteresantes, con moito humor e moita tenrura, e cunha mestura entre realismo e fantasía, por exemplo, na figura do tío Marabillas, do globeiro, que penso que lle dá un ton moi poético. E iso fai á obra tamén moi disfrutable porque é dura, fala tamén do problema do alcohol, dos malos tratos… Realmente é unha marabilla e léndoa e reléndoa paréceme unha obra que que debería ter máis sorte nos escenarios. Oxalá se volva poñer en escena porque o merece. E este sería o ano.

– ¿Que lle parece o manexo que fai Lauro Olmo do humor nesta obra dramática?

Son personaxes que están loitando por vivir, xoves que loitan por ser felices como todo o mundo. Aínda nas peores situacións hai un momento para rirse, para o desafogo, para a camaradería e tamén para a esperanza. E aí creo que o humor, negro moitas veces, está moi ben levado e axuda tamén máis a que sexan aínda moito máis emocionantes e emotivos os sucesos.

Texto: A.R.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button