En portadaÚltima hora

Todo listo para o XI Mercaberto do Barco

Esta mostra de oportunidades abrirá as súas portas este venres ás 17:30h.

Un dos momentos da montaxe do recinto feiral de Mercaberto no Barco./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Multitude de produtos de sectores que van dende a confección, pasando polo complementos, decoración e ata o tecnolóxico poderán atoparse a interesantes prezos na decena de expositores do XI Mercaberto, unha mostra de oportunidades que promove o Centro Comercial Aberto (CCA) en colaboración co Concello e que funcionará os días 23 e 24 de agosto no Paseo do Malecón (nas proximidades de Correos). O seu acto inaugural está previsto para as 17:30h. desta tarde de venres 23.

Entre as novidades desta edición figuran as actividades complementarias, algunhas delas vencelladas co sector vitivinícola e que serán promovidas polo CCA e pola Ruta do Viño de Valdeorras. Denomínanse “Aromas de Valdeorras. Espíritos con vida propia” e inclúen un obradoiro infantil de sabores (gratuíto), dirixido a nenos de entre 5 e 14 anos. Será impartido pola sumiller Mercedes González o 24 de agosto entre as 11:30h. e as 13h. Terá un aforo limitado a 40 cativos e será precisa inscrición previa.

O mesmo sábado pola tarde, entre as 19:30h. e as 21h. realizarase unha “cata a cegas: proba sensorial” (para un máximo de 50 persoas), tamén dirixida pola sumiller Mercedes González. Será necesario anotarse con anterioridade e o seu custo será de 5 euros (teléfono 988 32 11 50).

Ademais, tanto na tarde do venres como na do sábado (de 18h. a 23h.), haberá inchables para os cativos. E como broche da mostra, o sábado a partires das nove e media está previsto un concerto a cargo do grupo valdeorrés Os Broders.

 

Artigos relacionados

Back to top button