DeportesÚltima hora

Trasmiras creará un circuíto ciclista permanente tras o éxito da XI Ruta BTT do Cocido

A choiva respectaba aos máis de cen ciclistas que percorrían un trazado esixente nalgúns dos seus treitos

Publicidade

 

Máis de 200 ciclistas, chegados dende boa parte da provincia, da comunidade autónoma e até de Euscadi, León, Madrid ou Toledo, reuníanse en Trasmiras o domingo 13 de marzo para participar na décimo primeira edición da Ruta BTT do Cocido, prevista para o mes de xaneiro pero que tivo que ser adiada por mor da pandemia da Covid–19.

Un foguete daba a saída neutralizada pouco despois das 9:30 horas da mañá. O percorrido inicial pola localidade, dun kilómetro, deu paso ao circuíto, de 44 ou 63 kilómetros segundo se optase pola opción curta ou longa; que os máis de 200 ciclistas inscritos tardaron en percorrer unhas cinco horas. Os que optaron pola curta comezaban a chegar ao pavillón polideportivo pouco despois das 12:30 horas, onde lles agardaba un chocolate quente, bica e unha ducha nos vestiarios alimentados con enerxía solar.

Cando chegou o derradeiro corredor, un cento de participantes que reservaran mesa, participaron do tradicional xantar no restaurante César da localidade, onde o prato estrela e único foi o cocido, que lle dá nome á proba.

O rexedor de Trasmiras, Emilio José Pazos, aseguraba, logo do xantar, no que participaba por primeira vez, que entre os obxectivos a curto prazo do seu goberno está o “consolidar un circuíto BTT permanente en Trasmiras, porque temos recursos naturais incríbles que merecen ser visitados e que deixan un bo recordo na retina de todos os que participan nesta proba. Queremos que estes corredores, todos os que xa participaron, e os que o fagan en edicións posteriores, sexan embaixadores do noso territorio e para todos eles poremos en marcha unha ruta permanente tanto para BTT como para roteiros pedestres”.

José Alvar, presidente do Club BTT Nocelo, organizador do evento deportivo, destacou a complicidade do Concello de Trasmiras e de todos os que colaboraron económica e persoalmente na organización desta XI edición e lamentou “que tiveramos que ver como algún gracioso retirase parte das marcas do roteiro, que provocou que algún dos ciclistas chegados dende fóra se perdesen”.

Imaxes cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button