EconomíaEconomíaÚltima hora

Tratamento de biomasa forestal residual, en Castrelo do Val

 

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde comprobaba esta mañá no Monte Veciñal en Man Común de Gondulfes e Marbán, en Castrelo do Val, o funcionamento do equipo do que dispón o CIS-Madeira para a recollida e o tratamento de biomasa forestal residual, nun proxecto apoiado pola Xunta que ten por obxectivo fomentar o seu uso a nivel industrial.

Nese sentido, quixo recoñecer ao CIS-Madeira que, cumprido o seu 25 aniversario, siga demostrando o seu compromiso coa I+D+i e coa transferencia dese coñecemento á industria para dar maior valor engadido ao sector forestal galego.

O vicepresidente económico subliñou que Galicia reúne todas as condicións para avanzar nunha transición ecolóxica xusta onde o sector forestal ten que ter un papel protagonista. Ao respecto, sinalou que os proxectos da candidatura galega aos fondos Next Generation relacionados con este sector van contribuír a este reto e a dar un salto cualitativo no rural galego en termos de emprego e competitividade.

Segundo lembrou, un deles consiste na creación dunha fábrica de fibras téxtiles a partir da madeira e de residuos celulósicos, con capacidade para producir 150.000 toneladas ao ano; unha mostra do que significa facer unha xestión sustentable dos bosques galegos que vai supoñer un investimento público-privado que rolda os 1200 millóns de euros. Outra das iniciativas, o proxecto TechMadeira, cun orzamento de 38 millóns de euros, levará a dixitalización e a innovación ás empresas forestais para afondar nos novos usos da madeira.

Conde apuntou que a Xunta está activando todos os recursos necesarios para impulsar o forestal, entre os que citou a Estratexia de Impulso á Biomasa (2021-2025). Unha estratexia para fomentar a eficiencia enerxética axudando a implantar esta fonte de enerxía alternativa nos fogares e edificios públicos de Galicia. De feito, segundo apuntou, entre 2014 e 2020 instaláronse 7000 caldeiras que mobilizan 80 millóns de euros e xeráronse máis de 700 empregos.

Artigos relacionados

Back to top button