
O Mercado Medieval de Tremiñá (O Barco) cobrará novamente vida os días 13 e 14 de xullo. Será xa a súa 16ª edición, que se prevé cargada de actividades. “Este ano a organización aumentou e, cos promotores, Saúl e Amparo, colaboran outras 7 persoas, ademais da veciñanza de Veigamuíños e do Concello do Barco. De novo estamos a ter unha acollida estupenda e contamos, a 23 de xuño, con máis de 50 postos confirmados”, adiantan os promotores.
O mercado abrirá as súas portas o 13 de xullo a partir das 18h. e nel poderán visitarse expositores de moi diversos produtos gastronómicos: licores, doces, mel, queixos, aceite, comida caseira… Tampouco faltarán postos de libros, de artesanía en madeira, lousa e ferro, entre outros materiais (nalgúns casos coa reutilización como punto en común), de cestería… Na xornada do domingo a feira comezará ao mediodía e estenderase ata a tardiña.
Desta volta a organización pretende incidir de xeito especial na recuperación das tradicións e xogos populares. Así non faltará o X Torneo de Bolos e outros xogos habituais como o da ra. Haberá demostracións de tecedeiras (o sábado ás 19h.) e, por suposto, a malla coa que acostuma rematarse cada ano o mercado, que está programada para o día 14 ás 20:30h.
Este será sen dúbida un dos momentos máis esperados por parte do público, que enche a praza na que se desenvolve, seguindo con atención os movementos dos mallos e o son dos seus golpes.
O ambiente estará así mesmo animado durante eses dous días de mercado pola música e outras actuacións de rúa. Así o sábado ás 19:30h. poderá asistirse a unha representación de Teatrotomia. Ese mesmo día a partir das 20h. actuará a Bandina Los Trimendos. Na xornada do domingo o son do mercado porano os Charanguiteiros (dende as 12h.) e, durante a tarde (19h.), a agrupación de música e baile tradicional Abertal encherá de festa as rúas.
Máis información na edición en papel de Festas de Xullo do Periódico O SIL.
Fotos: Carlos G. Hervella.
