O Comité Clínico de expertos que asesora á Xunta de Galicia na xestión da crise sanitaria provocada polo coronavirus acordaba, na reunión mantida esta tarde, que desde o vindeiro venres rexan as medidas do nivel máximo de restricións nos municipios de Viladevós, Paradela e Maside.
Así mesmo, nesta xuntanza de especialistas determinábase o establecemento do nivel alto de restricións noutros sete concellos galegos, nomeadamente, nos termos municipais de Sobrado, Soutomaior, Boborás, A Mezquita, Pontecesures, Neda e Arteixo.
Nos restantes municipios da comunidade galega rexerán as medidas fixadas no nivel medio. No referido a outras medidas, éstas perfilaranse mañá nunha reunión encabezada polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e sobre as que informará na posterior rolda de prensa.
O conxunto de medidas acordadas polo Comité Clínico entrarán en vigor ás 00 horas do vindeiro venres, 19 de marzo.