OurenseÚltima hora

Tres libros do Arquivo Histórico Provincial de Ourense serán restaurados

Trátase do Foral de varios Partidos Xudiciais, a Declaración da Facenda de San Clodio e o Libro de Bodega do Mosteiro de San Clodio

Imaxe dun dos exemplares. / Foto: cedida.

 

Tres libros manuscritos pertencentes ao Arquivo Histórico Provincial de Ourense serán restaurados para a súa conservación. O Boletín Oficial do Estado publicaba hoxe, 11 de agosto, o anuncio da contratación, responsabilidade da Xunta de Contratación do Ministerio de Cultura e Deporte e para a que se dispón un orzamento total de 87.849,03 euros e un prazo de execución de sete meses. As ofertas poderán presentarse ata o vindeiro 10 de setembro.

Os manuscritos que serán restaurados son o Foral dos Partidos Xudiciais de Santa Cristina, Luintra, Santo Estevo de Ribas de Sil, Rosende, Pombeiro, Vilar, Toubes e Sobradelo, que data de entre 1566 e 1585; o Tombo ou Declaración de Facenda de San Clodio, do século XVIII e o Libro de Bodega do Mosteiro de San Clodio, datado de entre 1671 e 1835. O tratamento aplicado buscará respectar o máximo posible o seu aspecto e identidade orixinal ao tempo que frea os danos para garantir a conservación e a manipulación segura dos exemplares, que recuperarán así a súa funcionalidade.

No equipo de restauración estarán presentes dous conservadores-restauradores de Bens Culturais con titulación oficial. Os traballos complementarios serán realizados por un técnico en imaxe e son especializado na producción de audiovisuais de contido cultural e por un historiador especializado, ambos con experiencia en tareas de conservación do Patrimonio Cultural.

Artigos relacionados

Back to top button