A Xunta vén de notificar ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) a detección de tres novos focos de Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE). Trátase de dous focos localizados nas comarcas veterinarias de Ribadavia e Valdeorras, na provincia de Ourense; e un na comarca veterinaria da Ulloa, na provincia de Lugo.
Dado que xa había confirmados focos da enfermidade nestas provincias, o diagnóstico laboratorial foi realizado exclusivamente polo Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia, dependente da Consellería do Medio Rural.
Con esta declaración, Galicia ten notificados focos en 27 comarcas veterinarias neste novo período estacional 2024 de circulación do vector transmisor: 14 na provincia de Ourense (A Gudiña, A Limia, Allariz, Baixa Limia, Maceda, O Carballiño, Ourense, Terra de Caldelas, Terra de Celanova, Terra de Trives, Ribadavia, Valdeorras, Verín e Viana); 8 na de Lugo (Chantada, A Fonsagrada, Lugo, Os Ancares, Sarria, Terra Chá-Guitiriz, Terra de Lemos-Quiroga e A Ulloa), e os 5 declarados na provincia de Pontevedra (A Paradanta, Deza, O Condado, Pontevedra-O Morrazo e Tabeirós Terra de Montes), neste novo período estacional 2024 de circulación do vector transmisor. Por outra banda, o número de explotacións positivas confirmadas laboratorialmente sitúase en 756 e os animais positivos confirmados en 1.698.