Concellos

Turismo de Galicia rehabilitará o entorno da Ermida de Santa Lucía en Lobios

O custo da posta en valor do entorno será de case 60.000 euros.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a alcaldesa de Lobios, María del Carmen Yáñez Salgado, asinaron esta mañá (4 de abril) un convenio de colaboración en virtude do cal, Turismo de Galicia achegará 59.500€ para a rehabilitación do entorno da ermida de Santa Lucía.

A través desta sinatura preténdese pór en valor esta capela, que forma parte do patrimonio histórico-artístico e etnográfico do concello de Lobios, e tamén acondicionar o espazo natural de Riocaldo, un destacado punto termal desta comarca da Baixa Limia.

As actuacións na contorna da Capela incluirán a demolición e retirada de pavimentos para a colocación doutros novos e instalación de canalizacións, nova iluminación do entorno e colocación de bancos e plantación de elementos arbóreos, entre outros.

Deste xeito, posibilitarase o uso deste espazo público e a promoción de actividades culturais, recreativas e artesanais nesta zona de elevado valor termal. E é que a capela está situada no entorno de Riocaldo, que debe o seu nome á temperatura das súas augas, que se elevan pola aportación de varios mananciais termais no seu recorrido, no que se encontran os Baños de Riocaldo, cun balneario e piscinas de augas fumeantes.

“Ao recuperar a contorna da zona buscamos atraer un turismo de calidade á área termal de Lobios, coa intención de garantir que os visitantes poidan gozar deste espazo natural, de extraordinario valor grazas á temperatura e as propiedades das súas augas”, explicou Nava Castro.

Recordando o destacado papel de Lobios no termalismo en Galicia indicou tamén que convenios como o asinado hoxe “axudarán a consolidar a súa fortaleza termal e estimulará así o potencial económico da comarca”.

Neste sentido, Nava Castro fixo mención á estratexia de Turismo de Galicia incluída no Plan de Turismo Termal 2014-2020 centrada en converter o termalismo nunha bandeira propia como opción turística de calidade que conxugue ocio e saúde.

Cualificou o Plan como a mellor ferramenta para estruturar a oferta, os recursos e os servizos, de tal xeito que conduzan á creación do destino Ourense, Provincial Termal. “Un obxectivo que se aliña co convenio que hoxe asinamos. Porque ademais sabemos que investir en acondicionar e mellorar os nosos recursos turísticos é unha aposta de futuro”, salientou.

 

Artigos relacionados

Back to top button