
O Concello de Ourense aposta un ano máis pola celebración do ‘Halloween’ como grande evento festivo cun amplo programa de actividades de animación que converterán o centro histórico de Ourense nunha “pasaxe de terror”. Trescentos actores e actrices ambientarán a festa, que inclúe un amplo programa de propostas, que se estenderán desde media tarde ata altas horas da madrugada.
Este ano a programación do ‘Halloween’ verase reforzada incluíndo o vindeiro 31 de outubro, actividades como a escenificación do Día de mortos de México, espectáculos de animación a cargo de Pablo Méndez, Chaioso de medo, animación de Queiman e Pousa ou “Morreu a Isabeliña”, os desfiles de cabazas, do Día de Mortos e da Santa Compaña, animación musical de DJ na Praza Maior e un gran concerto co grupo Mago de Oz, na rúa do Progreso. O programa complétase cunha exposición fotográfica na Sala Valente a partir do 31 de outubro e a exposición “Mexicráneo”, no Paseo, desde o 27.
Na presentación do programa, o alcalde de Ourense Gonzalo Pérez Jácome, lembrou a aposta decidida do goberno municipal por esta celebración que “empezamos a potenciar en 2019, con moito éxito” e que, logo do parón ocasionado pola pandemia do Covid-19, volveu en 2021 “con máis éxito aínda”. Pérez Jácome espera para este 2022 “a explosión total”, do ‘Halloween’, que será ademais, “unha antesala do Entroido, que son as nosas festas maiores. Temos que ser os mellores de Galicia”, dixo, nas dúas celebracións.
A festa, tivo como lema en 2021 “Ourense mete medo”. Nesta ocasión, será “Non esperes a morrer para coñecer o inferno, ven a Ourense o 31 de outubro”.