EconomíaEconomíaÚltima hora

Un castro, escenario da I Festa da Cervexa Artesá da Cabeciña

Celebrarase o 6 de xuño en Mougás (Pontevedra) e nela poderán probarse cinco tipo de elaboracións diferentes
Vista do Castro da Cabeciña en Mougás (Pontevedra).
Vista do Castro da Cabeciña en Mougás (Pontevedra).

Unha Pale Belga, dúas Pale Ale de carácter inglés, unha Red IPA de corte americano e unha Strong Scottish Ale. Estas serán as cinco propostas elaboradas polos cervexeiros de Trisk-Ale que se poderán probar na I Festa da Cervexa da Cabeciña en Mougás, Oia (Pontevedra) o vindeiro sábado 6 de xuño a partires do mediodía. O obxectivo é escoller a cervexa que máis guste coa intención de comercializala baixo a marca “A Cabeciña”.

As cervexas poranse á venda a prezos moi asequibles, 0,50 euros cada caña. “O seu valor real andaría polos 2,50 euros como pouco, pero faise un esforzo para achegar a cervexa artesá a todo o mundo e que poidan opinar”, afirman dende Trisk-Ale.

Pero esta festa irá máis alá das degustación. Incluirá un amplo abano de actividades ao aire libre para todas as idades no entorno do complexo arqueolóxico da Cabeciña e co que se pretende, ademais, difundir este xacemento. Así a finalidade é “dinamizar a Cabeciña, dala a coñecer á xente ao tempo que demostramos que un castro tamén pode ser un espazo público no século XXI para a celebración de eventos culturais”, segundo Xosé Gago, coordinador de Proxecto Mougás, unha iniciativa fomentada dende a Comunidade de Montes Mougás e na que se xungue arqueoloxía, xestión forestal, xestión turística e xestión didáctica.

O programa encetarase ás 12h. co inicio das degustación e tamén co acto do pregón, que correrá a cargo do actor Avelino González. De seguido, terá lugar a sesión vermú (ás 13h.) da man da Charanga Nova Cubana. Tamén se poderá xantar no lugar, con postos de comida a prezos populares, e xa ás 16h. farase unha visita guiada ao xacemento castrexo. Posteriormente soará a música do grupo de gaitas Balcón do Val Miñor (Morgadáns) e, de novo, a Charanga Nova Cubana. Para as 19h. está previsto o peche das billas de cervexa e o remate da celebración.

Imaxe do cartaz desta festa.
Imaxe do cartaz desta festa.

Ao longo de todo o día poderá verse traballar ao canteiro Xabi Garrido, que realizará unha réplica dun dos petroglifos da Cabeciña. A obra será despois sorteada entre os participantes na festa. Ademais desenvolverase un obradoiro infantil.

O xacemento da Cabeciña ten sido escavado recentemente no marco do devantido Proxecto Mougás. “Non se trata só de escavar un castro”, indica Venancio Miniño, presidente da Comunidade de Montes de Mougás, senón de “rexenerar o tecido rural, de ter unha idea de pobo e querer mover a economía. A Festa da Cervexa encaixa perfectamente na estratexia”.

Artigos relacionados

Back to top button