CulturaCulturaEducaciónEn portadaÚltima horaVídeos

Un cento de estudantes participan na XV Feira das Ciencias do IES Carlos Casares de Viana

Ademais do alumnado e docentes deste instituto, tamén tomaban parte nesta iniciativa os dos CEIPs Bibei de Viana e Augusto Assía da Mezquita e os do CPI Laureano Prieto da Gudiña

 

Na experimentación científica centrábase a xornada lectiva deste 6 de xuño no IES Carlos Casares de Viana do Bolo. Exaltábase á ciencia dunha maneira moi orixinal e participativa. Tanto o profesorado como o alumnado deste centro educativo, e tamén doutros próximos como o CEIP Bibei, da mesma vila, o CEIP Augusto Assía da Mezquita e o CPI Laureano Prieto da Gudiña participaban na XV Feira da Ciencia.

En total eran máis de cen estudantes os que entre as 11h. e as 13:30h. poñían en práctica uns 50 experimentos moi diversos e interesantes no marco deste evento, que promove o Club de Ciencia do instituvo vianés. Algúns eran de química e física, outros estaban relacionados coa bioloxía e mesmo coa robótica.

O alumnado agrupábase por parellas para desenvolver estes experimentos en mesas situadas ao longo do patio do centro, pero tamén na Aula de Tecnoloxía, no caso daqueles outros que necesitaban escuridade ou outro tipo de equipamantos. Os alumnos, e tamén profesores, ían pasando polas diferentes mesas, coñecendo dese xeito o traballo dos seus compañeiros.

 

 

“Este ano tivemos a cen estudantes facendo experimentos, é que primeira que se xuntan tantos dende que se celebra esta feira, así que estamos encantados co resultado. A valoración é moi positiva e a intención é continuar o vindeiro ano”, comenta José María Pérez, un dos nove profesores que forma parte do Club da Ciencia do IES Carlos Casares.

Ademais do obxectivo pedagóxico e do achegamento á ciencia que supón esta actividade para os escolares, con ela tamén se busca achegar o IES Carlos Casares ao alumnado que nos vindeiros cursos se vai incorporar ao centro. “Outra das pretensións é que os estudantes de sexto de primaria que vaian pasar ao IES o coñezan. De feito, aos alumnos participantes que veñen doutros centros fáiselles unha pequena presentación ao chegar e realizan unha pequena ruta para coñecer as instalacións”, engade José María Pérez.

Esta Feira da Ciencia nacía hai 15 anos da man de Miguel Arranz, falecido hai 5 anos, que durante catro décadas foi profesor de Física no instituto de Viana e durante 20 anos estivo á fronte da súa dirección. De cara o vindeiro curso, os promotores desta iniciativa pretenden poñerlle o seu nome ao Club de Ciencia deste centro. “A nosa intención é continuar coa Feira da Ciencia coa dinámica que levamos nos últimos anos, abríndoa aos centros de fóra e tamén facendo dela unha xornada festiva para que o alumnado doutros colexios nos coñeza e na que estudantes e profesores realicemos unha actividade conxunta”, conclúe José María Pérez.

 

Algúns dos experimentos desta XV Feira da Ciencia no IES Carlos Casares

 

 

 

Imaxes e vídeos aportados polo Club de Ciencia do IES Carlos Casares de Viana do Bolo.

Artigos relacionados

Back to top button