Na mañá deste xoves 16 de outubro, arredor dun cento de persoas voluntarias da comunidade educativa da Universidade Intercontinental da Empresa (UIE) participaron nunha xornada de voluntariado ambiental en Cabeza de Manzaneda. A acción, organizada por ABANCA e Afundación, enmárcase dentro do Plan de Acción deseñado pola entidade bancaria para prestar o seu apoio aos colectivos afectados pola vaga de incendios do pasado verán.
O lugar escollido nesta ocasión foron as beiras do Regueiro do Rial, preto da área recreativa A Corgavela, un lugar que sufriu con severidade os efectos dos lumes.
As persoas participantes, organizadas en grupos, repartiron unha boa cantidade de palla polas beiras que flanquean o curso fluvial, utilizando a técnica coñecida como mulching. Desta forma, protéxese o chan da erosión producida tras a perda da cuberta vexetal que provocou o lume. “Trátase dunha das principais actuacións a acometer despois dos incendios forestais, sobre todo en lugares con certa pendente nos que o lume actuou con severidade”, explican dende ABANCA, engadindo que outra parte do equipo de mozos voluntarios traballou na colocación de acumulacións de gran de millo e centeo en lugares visibles destinados á alimentación da fauna do lugar.
Tal e como ocorreu o pasado sábado, na primeira das actuacións de voluntariado deste Plan de Acción contra os incendios impulsado por ABANCA e a súa Obra Social, a actividade contou coa colaboración do Concello de Manzaneda e do persoal técnico da Confederación Hidrográfica Miño-Sil durante os labores de planificación previas á realización da actividade, mentres que a palla e o gran empregados durante a xornada foron subministrados pola Xunta de Galicia.
Máis aló deste tipo de actividades de recuperación ambiental a pé de campo, “o Plan de Acción de ABANCA contempla outra serie de medidas como a doazón dun millón de euros para a adquisición de material de vixilancia e prevención, unha liña de financiamento de 150 millóns de euros para axudar ás persoas e empresas afectadas polos lumes, o adianto das axudas da PAC a tipo 0% e a axilización do cobro das indemnizacións de seguros e axudas públicas, ademais da posta en marcha de programas de formación e investigación sobre prevención e xestión forestal”, indican dende a entidade bancaria.