OurenseÚltima hora

Un colar dunha mámoa de Lobios, “Peza do Mes” do Museo Arqueolóxico de Ourense

Será presentada polo arqueólogo José María Eguileta esta tarde ás 20h. na sala de exposicións de San Francisco (Ourense)

Colar de doas discoides da mámoa M2 de San Bieito, en Lobios./ Foto: Fernando del Río.

Son 23 doas discoides, feias con xisto e que amosan “unha gran uniformidade formal e nas súas dimensións. Os seus diámetros oscilan entre os 4 mm e os 3 mm, e as seccións máis anchas nunca sobresaen de 1 mm de espesor. Todas comparten unha morfoloxía central. Entre esas perforacións predominan as circulares, aínda que son relativamente abundantes as elípticas”. O arqueólogo José María Eguileta Franco describe deste xeito o colar de doas discoides localizado na escavación da mámao M2 de San Bieito (Lobios), escollido como “Peza do Mes” de febreiro polo Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense.

Este colar descubríase, entre outros restos materiais, durante unha intervención arqueolóxica en Lobios entre os anos 1988 e 1989, no marco do proxecto de investigación “Arqueoloxía na Baixa Limia: o encoro de Lindoso e o seu entorno”, dirixido por Celso Rodríguez Cao e por Manuel Xusto Rodríguez. “A localización de doas discoides nos monumentos tumulares do noroetes hispánico é moi escasa, ademai de proceder de contextos pouco claros e definidos”, tal e como sinala Eguileta Franco no traballo publicado publicado polo museo ourensán sobre esta “Peza do Mes”.

Sobre este colar afondará este investigador na tarde deste mércores 12 de febreiro na presentación desta “Peza de Febreiro”. A súa intervención está prevista para as 20h. na sala da exposición “Escolma de Escultura” en San Francisco (Ourense).

Artigos relacionados

Back to top button