Chandrexa de QueixaConcellosÚltima hora

Chandrexa de Queixa contará cunha Casa Niño

Será unha das novas da provincia xunto ás de Xunqueira de Espadanedo, Monterrei, Laza e Lobios

 

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da nova convocatoria de axudas para a creación doutras nove casas niño en concellos que non teñen escola infantil e que ofertarán no seu conxunto 40 novas prazas para nenos de 0 a 3 anos totalmente gratuítas para as familias. Con estes novos equipamentos, Galicia terá en funcionamento este mesmo ano 2023 un centenar de servizos de conciliación deste tipo e prestará atención a máis de 500 nenos.

Estas novas casas niño localizaranse nos concellos lucense de Baleira e Triacastela, nas localidades coruñesas de Vilarmaior e Monfero e nos municipios da provincia de Ourense de Xunqueira de Espadanedo, Chandrexa de Queixa, Monterrei, Laza e Lobios. No caso de Chandrexa o nome da Casa Niño será “Folerpas”.

A través desta orde de axudas, a Xunta destina 900.000 euros a poñer en marcha estes novos servizos. Desta cantidade, 150.000 euros diríxense a financiar as obras de acondicionamento dos locais que acollerán estes centros, cun máximo de 15.000 euros por cada un. Os 720.000 euros restantes sufragarán os gastos da actividade diaria, o que supón unha achega de 21.560 euros por cada casa niño.

As casas niño son un recurso de conciliación e atención á infancia dirixido ás familias con nenos de 0 a 3 anos que viven en concellos sen servizo de escola infantil. Nelas ofrécese atención gratuíta de luns a venres en horario flexible e durante un máximo de oito horas diarias. O número de nenos por casa niño non pode superar os cinco.

Artigos relacionados

Back to top button