
Cando dicimos que Jorge Álvarez (estilista, deseñador, modelo,…) fai de todo e ten moito futuro no mundo da moda, non esaxeramos. Igual fai un peiteado espectacular, que corta o pelo, que maquilla, que deseña e confecciona unha peza de roupa única ou que organiza un desfile.

Este xove vianés non deixa de sorprender en calquera das súas facetas, sendo a de modisto a que máis alegrías lle está dando. De feito, despois de proclamarse subcampión de España no certame nacional de moda de xoves deseñadores e de participar cos seus deseños na peregrinación artística “Latexos do rural no Camiño” promovida e producida por Rubén Riós, Jorge vén de ver un dos seus deseños publicado na revista Semana, vestindo para unha entrevista nin máis nin menos que á sobriña da raíña Letizia, Carla Vigo.
Na tarde deste xoves 15 de xullo o propio Jorge confesaba que levou unha sorpresa cando viu a revista. Foi precisamente despois de participar no certame de moda celebrado en Madrid, cando se puxo en contacto con el o estilista Jesús Reyes (Mujeres, Hombres y Viceversa). “Empezou a falar comigo e preguntarme se tiña roupa pero en ningún momento me dixo para que nin para quen era ata que vin o artigo”, asegura, inmerso xa na organización do seu propio desfile.
Á espera de ver a evolución da pandemia espera poder celebralo o 8 de agosto en Viana e para iso está preparando unha nova colección. “Entre esto e a perruquería a verdade é que ando bastante liado”, di Jorge, gratamente sorprendido, ocupadao e tamén ilusionado.
