En portadaÚltima hora

Un foro abordará os solos da comarca trivesa, do 12 ao 14 de xullo

Trives acollerá as Xornadas da Delegación Territorial da Sociedade Española de Ciencias do Solo de Galicia

 

Do 12 ao 14 de xullo a via de Trives acollerá as Xornadas da Delegación Territorial da Sociedade Española de Ciencias do Solo de Galicia (SECS), nas que estudarán as paisaxes da contorna e se darán a coñecer as últimas investigacións e coñecementos para a protección do solo.

A programación comezará o día 12 de xullo, ás 17.30 horas, no Auditorio Xulio Vázquez coa intervención da alcaldesa, Patricia Domínguez, e o presidente da SECS de Galicia, Xosé Lois Otero. Seguidamente, o catedrático ad honorem do departamento de Xeografía da USC, Augusto Pérez Alberti, ofrecerá unha conferencia.

Durante os dous días seguintes os participantes realizarán saídas desde a Estación de Montaña Cabeza Grande de Manzaneda, onde tamén se aloxarán. Así, o sábado día 13 de xullo os asistentes realizarán a primeira, na que prestarán atención ás unidades do relevo da Serra de Queixa e a súa contorna, de Manzaneda a Trevinca, ademais da caracterización dos procesos glaciares e periglaciares visibles dende o pico Cabeza Grande de Manzaneda. O programa rematará o día 14 de xullo cunha visita ás proximidades do encoro do río Cenza e estudiarase o papel do glaciarismo na formación das áreas turbosas da serra.

 

 

 

Estas xornadas, nas que colabora o Concello da Pobra de Trives, están organizadas pola Delegación Territorial da Sociedade Española de Ciencias do Solo de Galicia, unha entidade científica sen ánimo de lucro, fundada en 1947 no Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).

Os seus principais obxectivos son promover o estudo, coñecemento, investigación e protección do solo; difundir o papel que xoga o solo na sociedade a través dos servizos ecosistémicos que desempeña, como a produción de alimentos e materias primas, e preservar o coñecemento adquirido.

Back to top button