A veciñanza do Barco espertaba esta madrugada sobresaltada por un incendio. Contra as tres da pasada madrugada podía verse en chamas a planta superior do edificio do Casino do Barco, xusto ao inicio do Paseo do Malecón, na parte antiga da vila. “O lume non causou danos persoais. Comezou nun electrodoméstico situado na cafetería da planta baixa e ascendeu polo tiro da cheminea ata queimar por completo un ximnasio, no terceiro e último piso”, segundo a información do 112 Galicia.
Foron varios os particulares que se atopaban pola zona e contactaron co 112 Galicia pasadas as 3 horas, “alertando de que saía unha densa fumareda dunha cafetería da rúa do Parque do Malecón, no Barco. Pouco despois, sinalaron que tamén ardía o tellado, que finalmente colapsou”.
Os servizos de emerxencias traballaron no lugar durante boa parte da madrugada, ata que contra as 6:30 horas dérono por controlado e procederon coas tarefas de arrefriado.
“A continuación, confirmaron ao 112 Galicia que na cafetería da planta baixa só ardeu a zona na que se atopaba a fritideira. Con todo, o lume subiu polo tiro metálico da cheminea e alcanzou o último piso do edificio, que funciona como ximnasio. O tellado acabou colapsando e estas instalacións deportivas terminaron ardendo por completo. O resto dos inmobles non se viron afectados e ninguén tivo que ser desaloxado”, segundo o 112 Galicia.
No operativo de extinción traballaron os Bombeiros e o GES de Valdeorras, así como os axentes da Garda Civil. Nestes momentos os arredores do Casino, cuxa cuberta desapareceu por completo debido ao lume, están pechados ao tráfico de vehículos e de persoas (agás a residentes e usuarios de establecementos), e están sendo controlados pola Policía Local. Tamén se atopan no lugar efectivos dos bombeiros e do GES, así como membros da Garda Civil.
Vídeo do incendio: https://youtube.com/shorts/k57xXYxnkDg?feature=share