OurenseÚltima hora

Un incendio nunha nave en Vilaza (Monterrei) remata cun bombeiro ferido e importantes danos

Fonte: 112 Galicia.

 

Pasadas as nove desta mañá, o 112 Galicia era alertado dun incendio que afectaba a unha nave de almacenamento de maquinaria agrícola sen persoal, situada en Vilaza, no municipio de Monterrei. “O lume avanzaba xa con certa premura, polo que era necesaria a rápida intervención dos Bombeiros de Verín. Para apoiar estes labores, desde o 112 Galicia, tamén se avisou aos membros do GES de Muíños e aos equipos do Distrito Forestal da zona. Con isto, había garantía, por unha banda, a achega de auga suficiente, e, pola outra, a protección do monte”, explican dende o 112 Galicia, quen engade que “durante os traballos de extinción, un dos bombeiros lesionouse, sufriu queimaduras aparentemente leves nun ombreiro e no peito a causa da radiación, polo que foi conducido ao Hospital comarcal de Verín”.

Mentres, o resto do equipo continuou no lugar para facer fronte ao incendio, que devastou o interior das instalacións, e deixou tocada a estrutura. “O teito nunca chegou a colapsar, pero, por precaución, os efectivos de emerxencias precintaron a nave. Ninguén había dentro deste establecemento no momento do lume, polo que non houbo que lamentar máis vítimas”, citando novamente ao 112 Galicia.

Artigos relacionados

Back to top button