ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Un Magosto de récord en San Xoán de Río

A AC RíoMola superou a mellor das expectativas organizando o mellor e máis numeroso Magosto que se lembra na localidade e deixa un listón verdadeiramente alto para os magostos que se celebren no 2019 en San Xoán de Río

Dúas horas antes do comezo do Magosto, a pesar do intenso frío e a choiva, as rúas e bar da localidade ían collendo o ambiente das grandes ocasións. Cos canóns de calor a tope de potencia, o lume feito e as mesas preparadas, media hora antes do comezo do Magosto o polideportivo foi recibindo aos primeiros asistentes que aproveitaron para ver os postres do concurso que serían servidos na sobremesa.

Con máis de 200 asistentes sentados nas mesas, a organización comezou a servir a empanada, tanto de carne como de atún, das 2 panaderías da localidade. A continuación a panceta fresca feita a parrilla por Pi convenceu os asistentes, que xa co estómago cheo tiveron que facer fronte os chourizos. A sobremesa comezou coas castañas feitas no cacho por Nestor, para a continuación servir a famosa bica da localidade e os cafés. Cando as botellas de herbas e likor café puxéronse nas mesas abriuse a veda para desgustar os 25 postres presentados a concurso. Co estómago cheo chegaba o prato forte da tarde, as actuacións de Ari e Velusa.

As máis de 250 persoas que se deron cita nun concello de 500 habitantes onde mais de 50% da poboación supera os 65 anos, puxeron nerviosa a Ari no comezo do seu concerto. Pese a súa corta idade, a xoia musical de Río, demostrou que ten o sangue das grandes artistas e ó pouco do comezo superou os nervios iniciais meténdose a todo o público no peto. A continuación Velusa, a representante de Portugal Norte en Recanteiros do Luar, demostrou porque é a favorita deste concurso abraiando a todos os espectadores coa súa espectacular voz.

O momento álxido da tarde chegou cando ambas artistas interpretaron varios temas en conxunto como se levaran toda a vida cantando xuntas e animando moitísimo a todo o público asistente que cantou e bailou o seu ritmo. Nun parón para que descansaran as artistas, sorteáronse varios botes de mel donados por Roberto de Cerdeira e varios queixos de produtores da zona entre os asistentes, ademais realizouse un mural e un pequeno obradoiro de graffitti para os máis novos.

Tralo sorteo as artistas seguiron actuando, ata o momento no que varios membros de RíoMola fixeron entrega de sendos ramos de flores a cada artista en agradecemento e entregáronlle ás 50 primeiras persoas que se achegaron o escenario unha maquinilla Gillette Fusion Proglide Flexball, valorada en 15€, tralo acordo de colaboración entre Gillette e RíoMola.

Despois deste segundo parón foi a ocasión para que o artista local Melín de Abelaído, interpretase un par de cancións e para que os mais cativos tiveran a oportunidade de demostrar as súas dotes de artistas nun improvisado karaoke.

Tras 8 horas do Magosto máis intenso que se recorda na zona, tocou recoller e limpar o polideportivo. A AC RíoMola chegou a un acordo coa protectora de animais A Pegada Verde para entregarlle todas as sobras da comida do Magosto. Trala entrega da comida sobrante, deuse por finalizado este Magosto que será recordado durante moito tempo polos asistentes e que marcará un listón verdadeiramente alto para o 2019.

Texto: Xosé Miguel Pérez Blecua.
Fotos: AC RíoMola.

Máis información e fotos:
https://osil.info/san-xoan-de-rio-mais-doce-que-nunca/

Artigos relacionados

Back to top button