CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

Un protocolo regulará o uso dos móbiles nos centros educativos no tempo de lecer

Nel recóllese, como se aprobou no Consello, estender a restrición do uso de móbiles e dispositivos electrónicos á totalidade da xornada escolar

 

 

 

A Xunta de Galicia regulará o uso dos teléfonos móbiles nos centros educativos durante o tempo de lecer a través dun protocolo cuxo contido lle foi avanzado hoxe á Xunta Autonómica de Directores (onde están representadas as direccións dos centros públicos), aos representantes das direccións dos centros concertados, así como aos representantes das principais asociacións de nais e pais, en varias reunións co equipo da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades.

O texto recolle, como se aprobou no Consello da Xunta, “estender á totalidade da xornada escolar a prohibición de uso de móbiles e dispositivos electrónicos vixente en Galicia desde o ano 2015 para os períodos lectivos, é dicir, nas aulas. Agora, con esta ampliación non se permitirá tampouco o emprego libre destes dispositivos nos períodos non lectivos, que son as entradas e saídas do centro, o tempo de recreo, o comedor escolar e os períodos dedicados a actividades complementarias e extraescolares”, segundo informa o Goberno galego.

Esta limitación estará vixente á volta das vacacións de Nadal nos centros sostidos con fondos públicos. No caso dos centros que imparten ensinanzas de FP de Grao Superior, de Réxime Especial (como escolas oficiais de idiomas ou conservatorios, entre outros) e de Adultos poderán non aplicar esta medida nesas etapas se así o consideran. Así, en base á súa autonomía organizativa, poderán adaptar o protocolo no relativo ás limitacións establecidas nos períodos non lectivos.

 

 

Autorizado con finalidade pedagóxica

Non obstante, seguirá permitíndose o emprego proporcionado e razoable dos dispositivos por cuestións de necesidade, medicas ou doutra índole, sempre por motivos xustificados, atendendo ás circunstancias e autorizado pola dirección do centro. Así mesmo, mantense a posibilidade do uso pedagóxico destas ferramentas, sempre baixo supervisión do profesorado.

Vixente xa no 76% dos centros

Logo dunha análise sosegada co conxunto da comunidade educativa, e analizada a experiencia positiva na maioría dos centros (o 76% deles) que, dentro das súas normas de convivencia, xa teñen restrinxido o uso de teléfonos móbiles nos recreos, a Xunta considera positivo estender estas boas prácticas ao conxunto do sistema, atendendo ao consenso e á demanda social manifestada.

Así pois, búscase avanzar na responsabilidade compartida dun uso seguro e saudable das novas tecnoloxías, así como no fomento da cidadanía dixital responsable na infancia e na adolescencia, e compaxinar isto coas potencialidades de aprendizaxe que ofrecen estas ferramentas. Por tanto, a decisión enmárcase na liña prioritaria da Xunta de consolidar a convivencia positiva como estilo educativo, tal e como marca a Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2025 e o Plan Integral contra o Acoso e o Ciberacoso escolar.

Protocolo

Agora, co fin de dar soporte aos centros que, diante de usos non axeitados, demandan un marco xeral de uso dos móbiles, a Xunta está a pechar o mencionado protocolo, que se difundirá ao conxunto da comunidade educativa.

O documento terá un carácter básico e deberá ser contextualizado ou adaptado ao centro educativo e á súa contorna para, finalmente, ser incluído nas normas de convivencia. Ademais, os servizos de Inspección Educativa serán os encargados de prestar o asesoramento necesario aos centros e a supervisión na adaptación ao novo texto. En paralelo, iniciaranse os trámites oportunos para a actualización do Decreto 8/2015, polo que se desenvolve a Lei 4/2011, de convivencia e participación da comunidade escolar en materia de convivencia.

Así mesmo, establecerase un plan de formación para acompañar ás familias no uso responsable dos móbiles, para o que contarán co apoio da Xunta de Galicia.

Artigos relacionados

Back to top button