DeportesÚltima hora

Un século de Federación Galega de Atletismo

A entidade deportiva vén de celebrar este sábado a súa asemblea xeral coincidindo coa data na que se constituía hai cen anos

Asemblea xeral da Federación Galega de Atletismo celebrada este sábado./ Foto: FGA.

 

Este 27 de marzo ten sido unha data moi especial para a Federación Galega de Atletismo (FGA). Esta entidade deportiva vén de celebrar a súa asemblea xeral na Cidade da Cultura de Santiago xustamente o día no que se celebra o centenario da súa constitución.

“Hai nada menos que un século que se constituía a Federación Galega de Atletismo cuxo cometido sería desde entón a organización, regulación e xestión dun deporte que xa contaba con notoria importancia e que viña de establecer a creación apenas dous anos antes, da Real Federación Española de Atletismo. O ano de 1921 foi a nivel internacional un ano que marcaba o comezo dunha década na que comezaba a percibirse no ambiente social un cansazo de desgrazas, e unhas ganas xeneralizadas de ilusión, esperanza e optimismo”, destacan dende esta entidade galega que preside Isidoro Hornillos.

Ademais, lembra que nese 1921 o mundo acababa de saír “tanto dunha gran contenda mundial, como dunha gran pandemia, e estaba desexoso dun novo modelo de vida e sociedade. Con todo, as axitacións sociais e políticas estaban á orde do dia marcando a axenda dun país, España e dunha futura comunidade autonóma, Galicia de maneira importante”.

 

O presidente da FGA, Isidoro Hornillos./ Foto: FGA.

 

Neste contexto de axitación, de cansazo e de optimismo organizábase no Campo de Coya de Vigo, no ano 1921 o primeiro Campionato de España en Galicia de Atletismo sendo Guillermo Moreira do Comesaña S. C. na proba dos 400 m. o primeiro atleta galego en conseguir un título nacional.

Precisamente con anterioridade a esa época, existía xa un puxante tecido atlético, como consecuencia do cal no ano 1915, creábase o decano dos clubs galegos, o Comesaña S. C. Xunto a el contaban con actividade o Real Fortuna, o Xermania, o Español ou o Real Vigo, por citar só algúns.

Con todos estes precedentes nos salóns da Sociedade Coral de La Oliva, un 27 de abril e sendo as 21.00 horas, Manuel de Castro, Enrique Banlle e Joaquín Freixeiro, como persoas encargadas de levar a cabo os preliminares para a consititución da Federación Galega de Atletismo e Fernando Montero, Antonio Cuiñas, e Antonio Teijeiro como delegados de clubs, poñían en vigor os estatutos da Federación Galega de Atletismo pola que se nomeaba como primeiro presidente a Enrique Bantle.

 

Acta de constitución da FGA en 1921./ Foto: FGA.

 

 

Desde entón, 16 presidentes foron os encargados de presidir esta entidade que dende o día de hoxe pasa a forma parte do grupo das “centenarias”.

1921 Constitúese a Federación Galega de Atletismo
1921-1924 Enrique Bantle (Vigo)
1924-1927 Joaquín Rodríguez de las Cuevas (Vigo)
1927-1928 Manuel de Castro González (Vigo)
1928-1928 Tomás Mirambell Maristany (Vigo)
1928-1929 Joaquín Freijeiro Suárez (Vigo)
1929-1931 Juan Baliño Ledo (Vigo)
1931-1933 Ángel Bernárdez Losada (Vigo)
1933 Disólvese a Federación Galega de Atletismo
1934-1935 Cipriano A. Braña Merino (Vigo)
1935-1935 Enrique García Rincón (Vigo)
1935-1941 Secundino Álvarez Tomé (Vigo)
1941-1944 Rafael Picón Cañeque (Pontevedra)
1944-1944 Avelino García Fernández (Pontevedra)
1944-1947 Faustino Álvarez Álvarez (Vigo)
1947-1957 Cristino Álvarez Hernández (A Coruña)
1957-1958 Ramón Vidal Barja (A Coruña)
1958 Provócase a división en Federacións Provinciais
1984-2006 Sergio Vázquez Gómez (A Coruña)
2006-Actualidade Isidoro Hornillos Baz (A Coruña)

Artigos relacionados

Back to top button