DeportesÚltima hora

Un torneo de fútbol sala recada xoguetes para os rapaces sen recursos

A Cruz Vermella organiza esta iniciativa para “cubrir as necesidades” dos menores aos que as súas familias non poden asumir a adquisición de xoguetes para este Nadal
Cartel do torneo.

Verín acollerá o vindeiro mércores, 28 de decembro, un torneo solidario de fútbol sala infantil no que o público asistente e os participantes contribuirán á campaña de recollida de xoguetes novos, educativos, non bélicos nin sexistas, posta en marcha por Cruz Vermella.

Dende a ONG organizan esta campaña de xoguetes, que naceu co obxectivo de cubrir as necesidades dos menores pertencentes a familias que non poidan asumir a adquisición de xoguetes para os seus fillos e fillas.

Segundo recalcan dende Cruz Vermella, os xoguetes son elementos transformadores de valores sociais, e son “un reflexo do que nos rodea, da nosa sociedade”. Reiteran que estes elementos son “as ferramentas coas que os menores adquiren coñecementos e comportamentos que conformarán parte do seu desenvolvemento como persoa”. Polo tanto, durante a infancia o modelo principal de aprendizaxe e expresión é o xogo e o xoguete.

Deste xeito, Cruz Vermella en Monterrei e o Concello de Verín organizan este torneo solidario dirixido ás categorías alevín, prebenxamín e benxamín. Dende as 10:00 ás 12:00 horas, xogarán a beneficio dos rapaces de familias en risco de exclusión social da comarca, poñendo “Os seus Dereitos en Xogo en forma da súa solidariedade”, tal e como di o lema desta campaña.

Artigos relacionados

Back to top button