CulturaCulturaEn portadaGalerías de fotosÚltima hora

Unha divertida viaxe teatral pola historia do Barco e Viloira

Numeroso público gozaba na tarde do 8 de setembro da estrea de “Polos camiños do tempo”, unha ruta teatralizada promovida dende o Concello do Barco

Dúas mulleres, vestidas ao xeito dos primeiros anos do século XX e portando cestos de roupa, atravesan a praza Maior do Barco, mentres soa gaita. É o sinal, comeza a representación. O público garda silencio e vaise achegando. Unha das mulleres, Rosa, detén o seu paso ante a chamada do médico José Núñez, “Don Pepito”.

Con esta primeira escena e ante numerosas persoas cobraba vida na tarde do 8 de setembro “Polos camiños do tempo. Percorrido teatral pola historia do Barco e Viloira”, unha produción escénica do Concello do Barco con texto de Gustavo Docampo, dirección de José Luis García Alejandre “Álex” e representada por oito actores de Gargallada Teatro (Sol Rodríguez, Reyes Limia, Manuel Caramés, José Luis Conde, Lalo Santos, Silvia Cuesta, Aurora Fernández e Manuel González).

A peza está estruturada en sete escenas diferentes que percorren diversos momentos da historia e da vida na vila, con saltos adiante e atrás no tempo convertindo en escenarios lugares do casco antigo como o Porto da Barca, a rúa Real ou os xardíns da Casa Grande. A obra, de hora e media de duración, marcaba un ritmo moi dinámico e desenvolvíase nun tono moi ameno e divertido. Mesturaba historias reais de personaxes ilustres do Barco e de Viloira, con outras imaxinadas, pero moi próximas e que enganchaban ao público ata o final. E como complemento, algunhas das partes contaban co acompañamento musical de catro instrumentistas: Manuel Durán, Xoaquín Freixeiro, Xulio Parada e Mauro Docampo, que nunha das últimas escenas encarnaban aos Trintas e tocaban a célebre peza “Viloira”.

Tras esta exitosa estrea, a peza “Polos camiños do tempo” representarase de novo neses mesmos escenarios o vindeiro 15 de setembro ás 19h. Será, sen dúbida, unha boa oportunidade para descubrila ou mesmo para volver a desfrutar dela.

Fotos: Carlos G. Hervella/ Ángeles Rodríguez.

Artigos relacionados

Back to top button