CulturaCulturaÚltima hora

Unha exposición aborda a figura e culto de “San Cipriano o Mago” no Museto Etnolóxico de Ribadavia

A mostra, comisariada por Félix Castro Vicente, reúne máis de 150 obxectos

 

Arredor da figura e culto de San Cipriano de Antioquía, o santo mago cristián por excelencia, xira unha interesante exposición que se inaugurará mañá 22 de decembro ás 12h. no Museo Etnolóxico de Ribadavia, organizada pola Xunta de Galicia, Xacobeo 2021, e o Museo Etnolóxico de Ribadavia,

O seu título é “San Cipriano o Mago: de oracións, ciprianillos e tesouros” e ten como curador científico o avogado, antropólogo, e coleccionista de ciprianillos Félix Castro Vicente. A exposición (con montaxe de Xosé Lois González e Disigna Edenia e fotografías de Mark Ritchie) amosa máis de 150 obxectos da súa propiedade e relacionados con este santo. Foron reunidos durante os últimos vinte anos.

Hai libros, gravados, oracións, amuletos, rolos máxicos, e obxectos varios, procedentes de moitos países do mundo, repartidos en catro ámbitos. O primeiro deles céntrase no “papel relixioso do santo como protector contra meigallos e mal de ollo, destacando a Oración de San Cipriano”, segundo Castro Vicente.

Nun segundo apartado abórdase o “seu aspecto máxico, sendo de salientar o Libro de San Cipriano, coñecido popularmente como Ciprianillo, o grimorio ibérico máis famoso e que coñeceu numerosas versións dende o s. XIX”, engade o curador.

O terceiro ámbito pon o foco sobre o Libro de San Cipriano e a busca de tesouros, “xa que esta obra foi moi popular na Galiza e noroeste ibérico para a busca e desencanto de tesouros”; mentres que no cuarto, titulado  “San Cipriano no mundo”, toca a difusión da súa figura por toda Europa, medio oriente, África, e América, tanto dentro das relixións cristiá católica, oriental e ortodoxa; santería e cultos sincréticos afroamericanos.

Artigos relacionados

Back to top button