CulturaCulturaÚltima hora

Unha foto do barquense Manuel Juan Otero ilustra o cartel do programa relixioso do Cristo no Barco 2024

Procesión do Cristo o ano pasado./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Xa está na rúa o cartel da Novena do Nazareno e actos da Festa do Cristo que se celebrará no Barco do 5 ao 15 de setembro, que utiliza como base unha fotografía da procesión tomada polo fotógrafo barquense Manuel Juan Otero Pérez.

O día 5 abrirase o novenario que se prolongará ata o día 13 de setembro. En horario de mañá, ás nove, e de tarde, ás oito, celebrarase na igrexa de San Mauro a santa misa e a novena. E entre medias terá lugar os cultos especiais. Para o domingo día 8 de setembro está prevista unha das novidades incorporadas polo párroco, Jesús Álvarez Álvarez hai dous anos. Trátase da pisada e ofrenda do primeiro mosto da colleita 2024 a Santa Rita e ao Cristo. Unha homenaxe ao viño que se celebrará ás 12:30 horas no interior da igrexa de Santa Rita. Este ano a adega convidada será Roandi de Éntoma. Ese mesmo día farase tamén ofrenda á Santa da nova equipación do CD Barco, contando coa presenza da directiva e xogadores do club.

O venres 13 de setembro, último día da novena, ao rematar a misa (20:45 horas) farase igual que o ano pasado a “Ronda ao Nazareno” a cargo do coro de San Mauro.

 

 

E xa o sábado 14 de setembro, Día do Cristo, celebrarase coma sempre unha eucaristía cada hora (8, 9, 10 e 11 horas). Ás 11:30 horas terá lugar outra das incorporacións do novo párroco do Barco, concentración na praza de San Mauro de cruces e estandartes de toda a Unidade Pastoral do Barco entre as que non faltarán o de Cobas, Oulego, Rubiá -Virxe do Camiño e Santa Mariña-, Santo Tirso de Piñeiro, Pai Eterno de Lardeira, Casaio, Portela do Trigal, Puente de Domingo Flórez, o da Asunción de O Castelo e Barrio de Rubiá ou o Nazareno do Barco, entre outros moitos.

E xa en torno ás 12 horas, será a Virxe do Camiño, imaxe convitada este ano, a que abra a procesión que levará ao Nazareno por boa parte do pobo, acompañada tamén pola corporación municipal, os membros da confraría, a banda de música, as Calantornias e os Cabezudos. Trala procesión, a imaxe do santo chegará á praza Maior, onde se celebrará a misa solemne ao aire libre, concelebrada por todos os sacerdotes da Unidade Pastoral e presidida polo reverendo José Antonio Prieto Flórez, director do Colexio Diocesano San Ignacio de Ponferrada.

Ao día seguinte, domingo 15 de setembro, ás 12:30 horas haberá misa de devotos e confrades en San Mauro.

 

Artigos relacionados

Back to top button