En portadaGalerías de fotos

Unha historia sobre o wolfram valdeorrés inaugura o XX OUFF

Do 14 ao 22 de novembro Ourense convírtese nunha cidade de cine con multitude de proxeccións e actividades paralelas

Cun longo e intenso aplauso nun ateigado Auditorio Municipal de Ourense remataba a proxección de “Lobos Sucios”, filme dirixido por Simón Casal e un de cuxos coguionistas é o rues Felipe Rodríguez. Esta película, que relata unha historia de loita, amor e cobiza ligada á extracción do wolfram na localidade valdeorresa de Casaio durante a segunda guerra mundial, estreábase en España na gala de apertura do XX Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF), na noite do 14 de novembro.

A partires das oito e media da tarde comezaban a chegar ao Auditorio o público, os representantes institucionais e do festival como a súa directora, Nora Sola, e, por suposto, membros do xurado desta edición do OUFF e do equipo da película inaugural, que progresivamente ían posando antes as cámaras no photocall instalado no hall. Entre estes últimos estaba o valdeorrés Felipe Rodríguez, autor da idea orixinal da película “Lobos sucios” (baseada no seu documental homónimo) e que estivo arroupado por familiares e amigos nesta estrea.

Pouco despois, xa na sala do Auditorio comezaba, coa actuación do grupo ourensán The Tribes Band, unha gala inaugural conducida pola xornalista María Solar, quen dedicaba unhas agarimosas palabras ao pobo francés, acompañadas dun aplauso dos asistentes. De seguido, destacaba que na súa vinte edición o OUFF “chega máis reforzado ca nunca” e lembraba que ademais das proxeccións de filmes que se levarán a cabo no Auditorio, no Teatro Principal e no Centro Cultural Ángel Valente, tamén se poderán ver películas noutras tres salas: as do Centro Cívico de A Cuña, na Sociedade Albor do Couto e no espazo Lusquiños. Solar falaba do filme de apertura do festival, pero tamén do de clausura: “Tercer grado” de Geoffrey Cowper.

Enumerábanse asemade os recoñecementos e as seccións paralelas: “Inédito en Ourense”, “Documentais”, “Panorama Galicia”, “Cine e viño”, “Sesións especiais” e, como novidade neste 2015 “Cinemas de Galicia” e “XX Anos”. Tampouco faltaban referencias ao OUFF Escola e, por suposto, ás longametraxes que competirán polos premios na sección oficial. Son un total de dez, seleccionadas entre os 400 traballos que se presentaban nesta edición do festival. Trátase de “Bridgend”, “The Sinking of Sozopol”, “La vida después”, “Dark Horse”, “La novia”, “Bambanti”, “El comienzo del tiempo”, “La decisión de Julia”, “Techo y comida” e “Killing Time”. Presentábase ademais aos membros do xurado, integrado por Frank Feys, Araceli Gonda, Alexandre Powelz, Marta Figueras e María Vázquez.

A continuación, tomaba a palabra o alcalde de Ourense, Xesús Vázquez, quen iniciaba a súa intervención lembrando tamén os tráxicos sucesos da noite do 13 de novembro en Francia. “Hoxe todos reivindicamos a nosa loita contra o terror, a barbarie e a sinrazón. Hoxe todos somos París”. Logo, entraba de cheo nos contidos desta vinte edición “da gran festa do cine” de Ourense, que “trae un cento de filmes formalmente innovadores, tematicamente comprometidos. Independentes, social e intelectualmente” e unha “oferta diversa e de calidade do cine galego. Como de seguro tería desexado o pioneiro Carlos Velo, ourensán de Cartelle” que, segundo adiantaba Vázquez, “a partir do próximo ano terá un protagonismo especial co Espazo Carlos Velo”. E remataba cunhas palabras do galego Chano Piñeiro, o director de “Sempre Xonxa”, rodada en terras valdeorresas: “Facer cine en Galicia é posíbel. Facer cine en galego é necesario, calquera cultura que queira sobrevivir precisa do cine”.

A gala completábase coa saída ao escenario de boa parte do equipo de “Lobos sucios”, encabezado polo seu director Simón Casal, que presentaban este filme que os espectadores podían ver intres despois.

A programamción do XX OUFF continuará o domingo con proxeccións, co Plató virtual da TVG (de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas) aberto a todos os públicos no Centro Ángel Valente, coa presentación de películas da sección oficial como “La decisión de Julia” do director ourensán Norberto López ou de “The Sinking of Sozopol”, do director Con Konstadin Bonev. Ademais ás 20:30 horas celebrarase a Gala de entrega do Premio Irmandade do Libro 2015 a Elvira Lindo.

Texto: A.R. Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button