En portadaÚltima hora

Unha mostra analiza as orixes xeolóxicas da Ribeira Sacra e o determinante do río Sil na evolución da súa paisaxe

O proxecto artístico "Río Sil, liñas e xeometrías" de Irene Kopelman poderá visitarse ata o 30 de xullo na Fundación Cerezales Antonino e Cinia en Cerezales del Condado (León)

 

Río Sil, liñas e xeometrías é o resultado da colaboración entre a Fundación María José Jove / MUV e a Fundación Cerezales Antonino e Cinia, e contou co apoio da UDC, Escola Técnica Superior de Enxeñería de Camiños, Canles e Portos. Está comisariado por Susana González e poderá verse ata o 30 de xullo na Fundación Cerezales Antonino e Cinia, Cerezales del Condado (León).

No proxecto artístico Río Sil, liñas e xeometrías, Irene Kopelman achégase á paisaxe da ribeira do río Sil reiterando un modelo de observación que incide na relación entre arte e ciencias naturais e co que reelabora unha característica descrición xeomorfolóxica mediante a observación de diversas características xeolóxicas, litolóxicas e antrópicas que afectan a algúns dos elementos do ecosistema do río.

A localización xeográfica do río Sil inclúe as comunidades de León e Galicia. A nivel xeolóxico, o seu nacemento na Pena Ortiz no sinclinal da Cueta ten a súa orixe no período paleozoico (300 millóns de anos) e a súa desembocadura nos Peares (Ourense), na era primaria (420 millóns de anos). Pola súa banda, o propio río, con 70 millóns de anos, é un dos máis antigos da Península Ibérica. Caracterizado como poucos polo que se denomina perfil ideal, o Sil responde o modelo matemático que determina o equilibrio entre a erosión e o terreo de asentamento, e que sucede cando o leito non produce erosión nin depósito, o seu caudal está regulado por vinte infraestruturas (encoros e presas) construídas ao longo do río, segundo explican dende a organizació da mostra.

 

 

Kopelman desenvolve a serie pictórica Schist Wall (2022) para contextualizar o tempo xeolóxico do proxecto; na de debuxos e pinturas River lines (2022-2023) realiza o rexistro vertical da orografía recollendo os cambios de cota do nivel da auga nas ladeiras do Canón do Sil do encoro de San Esteban. Pola súa banda, en River Geometries (2022-2023) materializa o rexistro horizontal da superficie da auga nunha serie de debuxos e nunha instalación cerámica. O proxecto complétase con Clouds (2022) que permiten rexistrar as néboas que se forman no val do río condicionadas polos niveis de evapotranspiración das presas e encoros.

Kopelman despraza a posición da análise desde as disciplinas analíticas e empíricas ás interpretativas realizando un desciframiento que nos sitúa ante o espazo xeolóxico como un continuo fragmentado de liñas, formas, cores e estados líquidos, sólidos ou gaseosos.

 

 

A mostra complétase con Here and Elsewhere (2022), Puntos cardinales (2018), On Yellows (2021-2022) e Indexing Water (2017), traballos que tamén evidencian o carácter determinante da auga no modelado da paisaxe e da súa cor, a súa capacidade de cambio e a súa calidade reconfiguradora en relación co medio físico (natureza) e o obxecto político (territorio).

 

Artigos relacionados

Back to top button