OurenseÚltima hora

Unha muller tivo que ser rescatada ao resultar ferida mentres facía unha ruta en Nogueira de Ramuín

 

Unha muller sufría unha escordadura de nocello este mediodía mentres facía unha ruta de sendeirismo nas proximidades do Mosteiro de Santo Estevo de Ribas do Sil, no municipio de Nogueira de Ramuín.

“Un particular solicitaba ao 112 Galicia, arredor das doce e cuarto do mediodía, asistencia para unha compañeira porque torcera un nocello e non podía continuar a ruta que estaban a realizar. Ademais, nesta mesma chamada, o alertante sinalaba que a ambulancia non podía chegar ata o punto no que se atopaban. Con esta información, os xestores do 112 Galicia deron aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia – 061, á Garda Civil, a Protección Civil de Nogueira de Ramuín, aos Bombeiros de San Cibrao das Viñas e aos bombeiros do GES do Pereiro de Aguiar”, tal e como informa o 112 Galicia.

Buscando facilitar a chegada dos servizos de emerxencia ata o lugar, e para tratar de evitar retencións nos accesos ao Mosteiro de Santo Estevo de Ribas do Sil, os membros de Protección Civil tiveron que regular o tráfico na zona.

Rapidamente os profesionais de emerxencias chegaron ata a persoa ferida, “que se atopaba a uns 500 metros do Parador e, dende alí, foi levada en padiola ata o Mosteiro, onde xa agardaban os servizos sanitarios que, finalmente, trasladaron á ferida ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense”, indica o 112 Galicia.

Artigos relacionados

Back to top button