ConcellosO BarcoÚltima hora

Unha ollada á situación do galego en clave de humor, da man de Talía Teatro, pecha o X De Perto no Barco

Este festival, dedicado á palabra e promovido polo Concello do Barco, incluía 7 espectáculos e remataba na noite do 15 de xullo

 

Dun conto popular, datado alá polo século XIII, parte “A parábola do angazo” de Talía Teatro, unha representación en pequeno formato que, en clave de humor e mesmo da sátira, abordaba a situación da lingua galega e a perda de falantes. Con ela concluía na pasada noite o décimo ciclo “De Perto” no Xardín da Casa Grande de Viloira (O Barco).

“É e o momento de agradecer e de recoñecer”, dicía o técnico de Cultura do Barco, Gustavo Docampo no escenario xusto antes de presentar a obra. “De agradecer ao Concello do Barco a súa aposta por este programa arredor da palabra dende hai xa unha década, tamén á Deputación de Ourense. Ademais hai que recoñecer o traballo técnico de Ton y Son e o labor de todos os artistas que teñen pasado polo De Perto, entre eles os que este ano estreaban o Recanto Florencio“. Neste punto, Docampo lembraba de xeito especial a Anxo Baranga, de Furafollas Teatro e convalecente, cuxa representación tivo que cancelarse de xeito inesperado. Finalmente, Docampo agradecía a resposta e implicación do público con este festival e convidaba a “volver a reunirnos aquí o vindeiro ano”.

 

 

A partir de aí, os actores Artur Trillo e Toño Casais subíanse ao escenario para darlle vida á “Parabola do angazo”, unha peza dirixida por Diego Rey e con textos seus, pero tamén de Araceli Gonda, Marta Lado, Jose Prieto, Séchu Sende e Artur Trillo.

A función ía construíndose de modo moi áxil enlanzando pequenos sketches, nalgúns dos cales se botaba man dos monicreques. Encetábase coa historia dun mozo galego que marchou a Castela e, á volta, esquecera a súa lingua; a dun home que, sumamente preocupado por falar galego deseguido sen poder evitalo, acude ao médico e lle diagnostican “a síndrome de Artur”; a dun político obrigado a falar galego para ganar votos, a de dous monaguillos que se preguntan, en plena misa, que falaba Xesús; ou a de dous namorados do século XIII, Xulieta e Roi, entre os que se interpón o idioma, entre outras.

 

 

Esta obra vén a pechar unha sorte de triloxía que se abría con Bicos con lingua (2003) e continuaba con Pelos na lingua (2011). Nela reflexionan sobre o valor, a riqueza e a importancia dunha lingua, que permite ter unha mirada propia da realidade, “xa que hai cousas que só se poden dicir en galego” e unha identidade. De aí a relavancia de coidala e preservala. “Para que serve unha lingua se non é para falala?”, preguntábanse os protagonistas de “A parábola do angazo”.

Fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button