En portadaÚltima hora

Unha representación de Manzaneda, Vilariño e Viana acudirá á estrea de “Entre pastores e lobos” en Santiago

O filme proxectarase o 7 de abril no Teatro Principal no marco da mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego

Publicidade

 

 

Entre os once filmes da sección oficial da 16 Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE) do Museo do Pobo Galego figura o documental “Entre pastores e lobos”, de Manuel Pedrosa. Estrearase en Galicia, no marco deste certame, o vindeiro 7 de abril ás 20h. no Teatro Principal de Santiago.

A proxección contará coa presenza dunha representación de Manzaneda, Vilariño de Conso e Viana do Bolo, algunhas das zonas onde se rodou o filme. Ademais de varios pastores que aparecen no mesmo, tamén se contará coa presenza da alcaldesa de Vilariño, Melisa Macía, e do alcalde de Manzaneda, Amable Fernández, así como dalgún membro da corporación de Viana, como o seu alcalde, Abelardo Carballo.

Este traballo (con guión de Manuel Pedrosa, Pedro Alonso e Mariam Mariño) retrata ás vivencias das poboacións ligadas á serra no Macizo Central Ourensán, dos últimos pastores, contando o ciclo natural da montaña e a convivencia co medio. E poñendo o foco, de xeito especial, na súa convivencia concreta cunha especie: o lobo. “Entre pastores e lobos” constitúe unha mestura de natureza, bioloxía, etnografía e historia a través dunha paisaxe de alta montaña chea de engado e beleza.

 

 

A película tivo a súa premier na 27 edición do Suncine Environmental Film Festival de Barcelona en novembro de 2020. Alí este documental, que se rodou durante cinco anos no Macizo Central, levou dous galardóns: o premio do público e o premio Cinema Sostible.

Agora podería sumar un galardón máis, desta volta en Galicia, no marco do MICE.
A entrega de premios da mostra terá lugar o sábado 10 de abril, ás 13h00, no Museo do Pobo Galego.

Fotos: https://entrepastoreselobos.wordpress.com/

Tráiler do filme:

 

Artigos relacionados

Back to top button