DeportesÚltima hora

Unhas 26 persoas participaban nunha complicada marcha “O Nadal en Pena Trevinca”

Realizábase o pasado 30 de novembro con saída dende Vilanova (A Veiga)

 

A meteoroloxía non acompañaba. O pasado sábado día 30 de novembro presentábase con tódalas características posibles dunha época invernal xa dende primeira hora. “A forte choiva e inda máis o forte vento, indicaban un día complicado que ía a por a proba o grande entusiasmo e forma física dos 26 participantes nesta actividade de O Nadal en Pena Trevinca“, explican dende o Club Montañas de Trevinca, promotor de esta actividade de alta montaña

O grupo partía dende Vilanova (A Veiga)  e, unha vez que  chegaba ao Sestil Alto, a case 2.000 m; as condicións meteorolóxicas complicábanse aínda máis, “cunha rápida baixada de temperatura e cunha intensa nevarada, acompañada de forte vento e baixa visibilidade. Para non pór en evidente risco obxectivo aos participantes, aprazouse a actividade e renunciouse nese día a poder chegar a Pena Trevinca e poder instala-lo xa tradicional Belén da Cima de Galicia“, comentan dende a organización da marcha.

Ademais lembran que “as normas básicas de seguridade do grupo, deben ser elemento prioritario nun deporte coma o montañismo, sobre todo con fortes características invernais e condicións moi desfavorables”.

Sen embargo, non se renunciaba ao obxectivo de colocar o nacemento no teito galego. E así, dous días máis tarde, o martes día 3 de decembro, xa quedou instalado “o noso/voso pequeniño e simbólico Belén. Grazas a tódolos/as participantes pola súa deportividade, entusiasmo e fortaleza nesa dura, pero interesante xornada do pasado sábado nestas fermosas Montañas de Trevinca, nalgunhas ocasións con moi mal carácter (coma debe ser)”, resaltan dende o Club de Montañismo Montañas de Trevinca.

Fotos: cedidas polos participantes.

Artigos relacionados

Back to top button