O sindicato Unións Agrarias organizou hoxe, 4 de xullo, unha recollida de sinaturas en forma de cata de viño para “unha iniciativa lexislativa popular que se está a pór en marcha en toda Galicia co obxectivo de que se poidan aprobar no Parlamento de Galicia as axudas directas aos afectados polas xeadas”, contou o secretario agrario do sindicato, José Ramón González. No acto estiveron presentes os alcaldes das zonas afectadas así como colleiteiros e adegueiros das diferentes D.O. ourensás.
Segundo contou Ramón González, e como xa é sabido, a provincia foi unha das máis afectadas polas xeadas de abril, “sobre todo o sector da uva e da castaña”, lembrou. O representante sindical reiterou que “cremos que é de xustiza e que é de razón que se arbitren axudas directas”, argumentando que outras comunidades como A Rioxa, Andalucía “e incluso a nosa noutras ocasións tamén tramitou axudas directas”.
En canto á resposta que as administración lles deu aos colleiteiros, José Ramón González reiterou que a Xunta “dá a calada por resposta”. E asegurou que, tras a xuntanza que mantiveron coa delegada da Xunta tras a manifestación do pasado mes de maio en Ourense, a Conselleira “prometera reunirse con nós e non o fixo”. González explicou que “primeiro pediu un aprazamento e que despois a cancelou porque dixera que revisara o tema e que non había posibilidades de xerar esas axudas”. Dende Unións Agrarias reiteran que todo diálogo coa Xunta sobre este tema “está esgotado”. Pero asegurou que os viticultores non van parar, xa que “levan dous anos sen cultivo algún”.
Así, esta mesa informativa instalada fronte a Casa Sindical no parque ourensán de San Lázaro, estaba composta, por un lado, por un posto de recollida de rúbricas habitual e, polo outro, todo o que alí asinaba podía gozar dunha copiña de viño da D.O Monterrei. En total terán que recoller, como mínimo, 2.500 sinaturas, e agardan presentar as sinaturas antes da próxima vendima.
Texto: Carlos Asensio.