EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Valdeorras abre a nova edición da “Primavera de portas abertas” nas Rutas dos Viños

Participan 69 adegas, 13 restaurantes e 21 aloxamentos nos territorios vitivinícolas galegos

 

O xerente de Turismo de Galicia, Antonio Casas, presentaba neste 23 de abril a nova edición da Primavera de portas abertas que a Xunta leva a cabo en colaboración coas cinco entidades impulsoras das rutas dos viños, unha proposta que está consolidándose na oferta turística do primeiro semestre do ano. Este ano participarán máis de 100 establecementos: 69 adegas, 13 restaurantes e 21 aloxamentos e celebraranse máis de 60 actividades diferentes en maio e xuño.

Antonio Casas salientou a “gran traxectoria” desta iniciativa que cumpre esta edición 13 anos “converténdose nunha das experiencias de Turismo de Galicia que mellor funcionan fóra de temporada alta”. Neste sentido, agradeceu ás Asoaciacións das Rutas dos Viños de Galicia pola súa colaboración e referiuse a algunha das novidades desta edición.

En concreto, como explicou, o número de establecementos supera os 100 e amplíanse as saídas do Bus do Viño, que este ano incorpora Ferrol entre as cidades de saída que conectarán cos territorios vitivinícolas. Xunto a Ferrol, tamén sairán desde A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Santiago de Compostela e mesmo Ponferrada. “Será, un ano máis, unha excelente oportunidade para atraer turistas de fóra e tamén para que os propios galegos poidamos descubrir, en parella, en familia ou con amigos, paisaxes e comarcas que aínda non coñecemos”, engadiu o xerente de Turismo de Galicia.

Tamén recordou que esta iniciativa se enmarca na aposta clara da Xunta de Galicia por promover a enogastronomía a través de distintas iniciativas, como o Plan Territorial de Sustentabilidade Turística Enogastronomía de Galicia deseñado por Turismo de Galicia con fondos Next Generation.

Como explicou Antonio Casas, ao seu abeiro se están a desenvolver 13 estratexias turísticas en destino en 80 concellos e hai en marcha distintos incentivos ao sector como as axudas para o embelecemento de adegas e establecementos turísticos asociados á enogatronomía por 5,5M€ ou os 2,5M€ destinados á creación de novos establecementos turísticos que funcionen de proxectos tractores a longo prazo da man da enogastronomía.

Cinco fins de semana

Primavera de portas abertas nas rutas dos viños comezará o 3 de maio na Denominación de Orixe de Valdeorras. Desde ese día e durante cinco fins de semana de maio e xuño poderanse facer visitas guiadas e gratuítas ás adegas participantes. En concreto, do 3 ao 5 de maio será na D.O Valdeorras, do 10 ao 12 de maio na de Rías Baixas, do 17 ao 19 de maio na D.O Ribeiro, do 24 ao 26 de maio na Ribeira Sacra e do 31 de maio ao 2 de xuño en Monterrei.

Nas rutas tamén participan restaurantes onde se poderán escoller menús concibidos especialmente para esta ocasión, harmonizados con viños da Denominación de Orixe que corresponda. En cada ruta poderase encontrar, ademais, un plan especial de actividades para a fin de semana. Organízanse máis de 60 entre showcookings, rutas en bicicleta eléctrica, música en directo e paseos en barco polo Miño, catas a cegas ou con observación astronómica, picnics entre viñedos, roteiros de sendeirismo, entre outras.

Os interesados en participar atoparán toda a información na guía promocional dispoñible na web de Turismo de Galicia.

 

 

Joaquín Sánchez: “Valdeorras ten moito que ofrecer no eido do turismo”

O acto de presentación celebrado en Santiago de Compostela contaba coa asistencia dos presidentes das cinco rutas e os responsables de turismo do Goberno galego, que valoraron a experiencia desta iniciativa en anos anteriores a prol da difusión do enoturismo nesta Comunidade.

Neste sentido, o presidente da Asociación Ruta do Viño de Valdeorras, Joaquín Sánchez Rodríguez, destacou a ilusión coa que afronta esta nova ‘Primavera de Portas Abertas’ esperando mellorar os indicadores de éxito alcanzados en anos anteriores.

De feito, segundo adiantou Joaquín Sánchez Rodríguez, as previsións de participación así o indican ao completar practicamente a inscricións nas diferentes propostas formuladas pola Ruta nesta edición. “Valdeorras ten moito que ofrecer no eido do turismo”, salientou ao tempo que engadiu que “o godello está a experimentar un boom”, o que axuda a xerar interese cara esta comarca.

Así, desde a Ruta do Viño de Valdeorras veñen de deseñar unha interesante e completa oferta enoturística formulada para a ocasión que tentará poñer en valor a excelencia dos nosos viños e tamén o territorio onde se producen.

Nesta programación, segundo explicou Joaquín Sánchez Rodríguez, non faltará a visita ás covas, “un verdadeiro tesouro destas terras, onde os visitantes poden comprobar como se elaboraba o viño antigamente e se almacenaba”.

Viño, paisaxe, patrimonio e xentes

O presidente da Ruta do Viño de Valdeorras subliñou que ‘Primavera de Portas Abertas’ permitirá dar a coñecer nesta ocasión os brancos e os tintos de trece adegas do territorio ao tempo que se poderá gozar das paisaxes que lle dan cobixo ás vides, os monumentos e elementos do patrimonio que as acompañan no seu crecemento e, por suposto, entrar en contacto coas xentes hospitalarias da comarca de Valdeorras.

En total serán 15 propostas que van desde rutas pola historia do pasado viticultor da comarca, xogos participativos, rutas en bicicleta eléctrica ata andainas en plena natureza. Ademais, un showcooking da man da recén galardoada no Galicia Forum Gastronómico como mellor cociñeira do ano, Begoña Vázquez, propietaria do Restaurante Regueiro da Cova de Verín, conxugará a cociña tradicional con toques vangardistas acompañada con viños da comarca.

Joaquín Sánchez Rodríguez salientou tgamén a posibilidade de entrar en contacto cunha realidade que só se dá nestas terras como é o turismo industrial ao ser “a comarca onde a primeira actividade é a lousa” e ao contar cun gran número de hidroeléctricas ao longo do leito do Río Sil.

Pola súa banda, o xerente da Axencia de Turismo de Galicia, Antonio Casas, subliñou a variedade de elementos deste programa que coinciden co modelo turístico que se pretende impulsar desde a Xunta de Galicia. Como novidades da iniciativa destacou o incremento no número de participantes ao rexistrar 69 adegas, 13 restaurantes, 21 aloxamentos e un total de 60 iniciativas de turismo activo, ademais dunha nova ruta de buses que sairá da cidade de Ferrol. Finalmente, Antonio Casas, puxo en valor as posibilidades que ofrece o esta modalidade para desestacionalización do turismo.

Artigos relacionados

Back to top button