EconomíaEconomíaEn portadaGalerías de fotosÚltima horaViticultura

Valdeorras abre a súa feira do viño reivindicándose como berce do godello, pero sen esquecer as súas tintas diferenciais

O pregón do xornalista Xabier Fortes abría a mostra, instalada na praza de Viloira (O Barco), coa presenza de 21 adegas da D.O.

 

“En Valdeorras está o punto de orixe da uva godello e, en opinión dos expertos, temos o mellor viño godello de todo o mundo”. Así o destacaba contra ás 13h. deste 1 de xuño no discurso inaugural da XXV Feira do Viño de Valdeorras, o presidente do seu consello regulador, José Ramón Rodríguez Castellanos. Facíao na praza Otero Pedrayo de Viloira (O Barco), que acolle, unha edición máis, esta mostra na que participan 21 adegas cuxas referencias poderán catarse ao longo desta fin de semana. Estaba acompañado por diversas autoridades, entre elas o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor; o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos; o delegado da Xunta na provincia, Manuel Pardo; e o alcalde do Barco, Alfredo García, entre outras.

Rodríguez Castellanos agradecía o apoio das diferentes institucións para levar adiante esta mostra, lembraba aos diferentes elos da cadea do sector vitivinícola e a súa importancia, e ademais lanzaba diversas demandas dirixidas ás administracións. Nunha delas pedía a súa colaboración para “unha actualización do rexistro vitivinícola e catastral, tan necesaria”. E, na outra, solicitaba o respaldo económico da Deputación de Ourense para a segunda fase da reforma da sede do consello regulador, lembrando que xa financiou a primeira.

 

 

O presidente do CRDO Valdeorras resaltaba as cifras récord da colleita do 2023 nesta zona produtiva, con case 8 millóns de quilos, das cales uns 6 millóns eran da variedade godello. Se ben, matizaba que “Valdeorras non só é godello, é moito máis”. E poñía en valor as súas variedades tintas diferenciais como son o brancellao, o sousón o mesmo as garnachas tintureiras centenarias. José Ramón Rodríguez finalizaba a súa intervención con palabras de agradecemento para os adegueiros pola súa colaboración cos proxectos e iniciativas do consello regulador e polo “seu traballo continuo e teimudo, co que teñen contribuído a facer desta feira unha plataforma cada vez máis afianzada dos nosos viños”.

 

 

A continuación tomaba a palabra o novo subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, quen volvía ao pasado para falar da importancia vitivinícola de Valdeorras cunha lembranza aos pioneiros, citando ao médico e investigador José Núñez e ao seu papel como viveirista á hora de loitar contra a filoxera, así como aos promotores do proxecto REVIVAL, que rescataba décadas atrás a variedade godello do esquecemento. E remataba cun desexo: “conseguir que ese éxito do pasado sexa tamén un éxito de futuro”.

 

 

Da cultura do viño e da súa vinculación coa vide falaba tamén o delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo. “Fun testemuña dos cambios que se foro producindo no mundo da viticultura ao longo do tempo”, dicía, incidindo na importancia “de manter a esencia, pero tamén de seguir progresando na modernización do sector” e de dar pasos no eido do enoturismo, cunha clara referencia ao Plan de Sostibilidade Turística en Destino que se vai desenvolver en Valdeorras.

 

 

Pola súa banda, o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, lembraba a súa participación na pasada edición da feira valdeorresa, xusto antes de tomar posesión do cargo, e amosaba o seu compromiso por estar con Valdeorras, “unha comarca que tanto aporta á provincia de Ourense”. Falaba tamén da madurez da súa feira do viño e resalta o “labor extraordinario do CRDO no seu labor de valorización do ouro branco que ten Valdeorras, que é o godello”. Ademais, recollendo o guante o presidente do consello, comunicaba que xa “están aprobados 100.000 euros para a segunda fase da reforma da sede do consello regulador. Finalmente, aludía a importancia da colaboración entre administracións para que tanto este sector como a comarca, sigan desenvolvéndose.

 

 

A quenta de intervencións remataba co alcalde do Barco, Alfredo García, quen aludía á boa elección do pregoeiro, o recoñecido xornalista Xabier Fortes, director de “La Noche 24h”, en RTVE, xusto antes de darlle a palabra. Tras vestir unha camiseta da nova campaña da D.O. sobre a godello, lía un pregón no que poñía en valor a produción vitivinícola desta zona e os seus viños e no que no faltaban referencias á autores galegos como Álvaro Cunqueiro.

A partir de aí, e tras o brinde inaugural das autoridades, a charanga Os Caliqueños poñía ritmo á feira e numerosas persoas comezaban a visitar as casetas das diferentes adegas para catar os seus brancos e tintos. A mostra pechaba as súas portas ás 14:30h., pero reabrirá a partir das 20h.. Pola tarde están previstas varias actividades: ás 20h. unha cata dunha selección de viños da D.O. Valdeorras maridados con embutidos artesáns da comarca e ás 21h. outra cata de viños valdeorreses harmonizados con petiscos do Café Teatro Bajo 5.

O broche musical da xornada porao o concerto do grupo “Los Alcántara” a partir das 23h. no mesmo recinto feiral.

Fotos: A.R.

 

Back to top button