Valdeorras acollerá neste verán ata tres programas de mobilidade xuvenil internacional (Youth Exchanges) a través do programa Eramus+. A iniciativa está promovida pola Asociación Valdeorras Vive e desenvolverase entre xullo e agosto, reunindo a un total de 88 mozos (de entre 18 e 30 anos) de ata 12 nacionalidades diferentes (de dentro e fóra da Unión Europea) na comarca.
“Estes intercambios supoñen a primeira oportunidade para introducir o programa Erasmus+ no seu compoñente adicado á educación non formal en Valdeorras mediante o intercambio cultural xestionado por asociacións internacionais. É unha oportunidade para atraer mocidade á nosa comarca, para xerar novos espazos de cooperación entre diversos países e fomentar valores europeos como a tolerancia, o respecto e a comprensión doutras culturas”, destacan dende a asociación xuvenil promotora, Valdeorras Vive.
Cada unha das asociacións participantes no proxectos encárgase de seleccionar aos mozos asistentes. Os únicos requisitos son ter un coñecemento básico de inglés (xa que é o idioma no que se desenvolve o programa) e querer participar. “Eu teño participado en moitos intercambios deste tipo e fixen o voluntariado europeo en Polonia, por iso tamén nos animamos a organizar este proxecto”, comenta o barquense Lucas Docampo, un dos representantes da Asociación Xuvenil Valdeorras Vive. Recoñece que desenvolver esta iniciativa supuxo un reto, e máis nun momento como o actual marcado polos condicionantes da pandemia, “pero ao final foi saíndo e agora xa vai para adiante”, destaca.
O primeiro dos intercambios terá lugar entre o 7 e o 14 de xullo baixo o título “Xacobeo 2021, The Winter Way“. Trátase dunha experiencia que se desenvolverá seguindo o Camiño de Inverno, no treito que vai dende Ponferrada ata Vilamartín. Nela participarán 20 mozos e mozas, dos cales 5 serán de Valdeorras, e os demais de Turquía, Bosnia e Rumanía. “Este intercambio xa estaba previsto para o verán do 2020, pero tivemos que pospoñelo por mor da pandemia”, explica Lucas Docampo.
Xa entre o 31 de xullo e o 9 de agosto desenvolverase o segundo intercambio do verán: “In the shoes of apilgrim, a claim for a sustainable tourism”, coa presenza de 30 mozos de Valdeorras (un total de 5), Estonia, Xeorxia, Armenia, Italia e Noruega. nel abordarase a temática do turismo sostible e os asistentes pernoitarán en “Eco dos Teixos” (Casaio, Carballeda de Valdeorras).
Finalmente, do 15 ao 21 de agosto está previsto o derradeiro intercambio deste verán, denominado “I don´t believe in meigas”, centrado na temática da tradición oral. Nel prevese a participación de xoves de Valdeorras (8), así como de Malta, República Checa, Ucraína, Bosnia, Turquía e Romanía. Novamente farase, principalmente, en “Eco dos Teixos”.