ConcellosO BarcoÚltima hora

“Valdeorras en Negro” polo Día Internacional contra a Violencia de Xénero

O Concello do Barco conmemorará esta data cun programa cuxa data central será o 25 de novembro

 

“A violencia de xénero é unha terrible vulneración de Dereitos Humanos que pon en cuestión a calidade democrática do noso país”, resaltaba o concelleiro de Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade do Concello do Barco na presentación do programa de actos co que se conmemorará neste municipio o Día Internacional contra a Violencia de Xénero, o 25 de novembro.

Así do 21 ao 26 de novembro convocarase “Valdeorras en Negro”, unha iniciativa na que se convida a participar a comercios e negocios do Barco a vestirse de negro, ademais de poñer carteis de repulsa nos seus escaparates. O día central do programa será o propio 25 de novembro cun acto ás 12h. na praza do Concello: unha concentración de rexeitamento á violencia de xénero, que incluirá unha representación de centros de ensino do Barco (IES Martaguisela, IES Lauro Olmo e Colexio Divina Pastora), así como unha actuación musical en colaboración co Conservatorio do Barco. Pecharase coa lectura dun manifesto institucional do Concello.

Para o xoves 24 de novembro ás 19:30h. está prevista a proxección do filme “Solo una vez”, en colaboración co Cine Club Groucho Marx, despois haberá un coloquio. A entrada será de balde ata completar aforo.

 

 

“Este Concello conta cunha ferramenta fundamental para a loita contra a violencia machista, o Centro de Información á Muller (CIM), constituído por profesionais que traballan en primeira liña dando o apoio ás mulleres e fillos que padecen esta lacra”, indicaba o edil, lembrando ademais que o Concello do Barco está integrado no programa Viogen, dentro do cal actualmente hai unhas 15 mulleres no municipio.

Saavedra tamén incidía en que estamos “actuando día a día” en materia de formación e educación. “Fomentamos unha acción de sensibilización e visualización permanente da cidadanía contra as violencias machistas no ámbito municipal: replicando en todas as súas instalacións públicas o lema “Espazo libre de Violencia Machista”. Buscamos implicar ao tecido económico, asociativo, educativo, deportivo, social e cultural, así como á toda a cidadanía, nunha resposta colectiva de rexeitamento permanente á violencia de xénero”. O concelleiro barquense apuntaba ademais que se traballa en diferentes programas de “Prevención contra a violencia de xénero”.

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button