En portadaÚltima horaVídeos

Valdeorras exalta a calidade dos seus brancos e tintos nunha concorrida inauguración da súa feira do viño

A mostra, que se celebra esta fin de semana na praza de Viloira (O Barco), contaba na súa apertura coa asistencia do presidente da Xunta

 

O sector vitivinícola valdeorrés “goza de boa saúde” e, ademais, encara o desafío do seu “relevo xeracional”. Así o destacaba este mediodía no acto inaugural da XXIV Feira do Viño de Valdeorras o presidente desta denominación de orixe, José Ramón Rodríguez Castellanos. Destacaba que esta mostra, que se desenvolverá nesta fin de semana de 8 e 9 de xullo na praza de Viloira (O Barco), está consolidada e que se ten convertido “nalgo máis que nun espazo de degustación de viños, é un punto de encontro e de atracción turística para Valdeorras e presenta propostas para todo tipo de públicos”.

Destacaba a calidade dos viños valdeorreses e agradecía o apoio dos adegueiros, ademais de aludir ás iniciativas que se están a desenvolver de cara ao futuro deste sector, co apoio de diferentes administracións, entre as que salientou a nova aposta da Consellería de Educación da Xunta de Galicia por implantar un ciclo de FP Dual ligado á viticultura no IES Lauro Olmo do Barco.

 

 

O presidente do CRDO Valdeorras interviña tras o pregón, que corría a cargo do escritor e xornalista Manuel Jabois, quen falaba das súas orixes en Sanxenxo, dos seus recordos de neno en relación co viño e da súa familia. “Todo o bo que me pasou na vida foi por levar un vaso de viña á boca”, aseguraba.

 

 

No acto tamén interviñan o deputado provincial en función Álvaro Fernández, que lembraba o saber legado polos maiores e a “transmisión desta experiencia” que ten permitido que o sector do viño valdeorrés “teña un produto como o que agora temos”, incidindo na importancia de seguir mantendo esa calidade “para que os nosos viños sigan triunfando”. Pola súa banda, o alcalde do Barco, Alfredo García, aludía a importancia de reivindicar a marca Valdeorras para o viño e á importancia do turismo para Valdeorras.

 

 

A inauguración concluía coa intervención do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, tendo en conta que é a primeira vez na historia desta feira que conta coa asistencia dun presidente galego. “Aquí hai que vir”, dicía, “e se os anteriores non viñeron, alá a eles”, comentaba Rueda, que ademais estaba de aniversario, ao principio do seu discurso. “Valdeorras é unha terra á que hai que prestarlle especial atención, terra de lousa, de viño, que traballa, aquí estamos para axudar”, comentaba, ademais de poñer en valor o enoturismo e o potencial da comarca no relacionado co Camiño de Inverno. “Empezan moitos días de festa, moitos días de recordar que aquí se fai un produto excepcional e que cada vez se fai mellor, e non só e o viño, que é o principal, senón todo o que hai arredor, e iso sabémolo facer moi ben en Galicia, onde temos magníficas paisaxes e un viño excepcional”.

 

 

O acto contaba coa presenza de diferentes autoridades, entre elas o conselleiro do Medio Rural, José González, e o director da Axencia Turismo de Galicia, o rues Xosé Manuel Merelles, así como o deputado valdeorrés no Parlamento galego, Eduardo Ojea alcaldes e concelleiros de Valdeorras e doutras partes da provincia. Tamén asistían candidatos ao Congreso e ao Senado pola provincia de Ourense, do PP, do PSdeG-PSOE, e do BNG.

Tras o acto inaugural, tiña lugar un brinde con godello e despois as autoridades visitaban as casetas da vintena de adegas que participan nesta edición da mostra, mentres o ritmo da charanga Brexit animaba o ambiente. A feira retomarase pola tarde, a partir das 20h. e ata as 24h. Ademais dunha cata de viños maridada con queixos das catro denominacións galegas, tamén terá lugar ás 23h. a actuación do grupo En Mala Hora.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Galería de fotos no seguinte enlace

A inauguración da XXIV Feira do Viño de Valdeorras, en imaxes

Artigos relacionados

Back to top button