Eleccións municipais 2023PolíticaÚltima hora

Valentín G. Formoso: “A convocatoria das xerais o 23X amosa fortaleza e valentía democrática”

 

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, dicía hoxe que o anuncio do presidente do goberno de convocar eleccións xerais o 23X “amosa fortaleza e valentía democrática”. Cualificou “valente e acertada” a decisión de “facilitar que a cidadanía se exprese en xullo no ámbito dunhas eleccións estatais” logo dos comicios municipais de onte.

Formoso apuntou que “a cidadanía vai ser consciente e consecuente cos avances sociais que o PSOE acadou nesta Lexislatura”, no camiño da “recuperación de dereitos no ámbito económico, coa reforma laboral ou garantindo o futuro das pensións”.

Advertiu que “non queremos outra vez na presidencia do goberno de España un presidente do PP que volva instaurar copagos ou que prohiba a regularización das pensións” conforme ao prezo da vida”. Rexeitou un goberno do PP “que volva atrás en dereitos sociais tan europeos como o dereito ao aborto ou como calquera outro dos avances que lidera o goberno de España no ámbito europeo”.

Salientou que “os avances liderados polo PSOE non poden estar en risco nun momento no que Europa anuncia a volta atrás ás regras de axuste fiscal”, facendo anuncios que auguran que “veñen curvas económicas”. Adiantou que nas próximas eleccións xerais o PSOE “vai facer moita pedagoxía e vai recuperar o vigor e a forza que nos da ser a columna vertebral da política dende hai moitos anos”.

Eleccións municipais

Ademais Formoso destacaba que o PSdeG mantén unha importante representatividade municipal e provincial logo das eleccións deste domingo. O responsable socialista subliñou que os socialistas manterán unha importante representación municipal, suman máis de 1.000 concelleiros e manterán tamén representatividade nos gobernos provinciais.

Así mesmo trasladou unha visión optimista “logo duns resultados nos que a suba xeneralizada do PP en todo o Estado viuse reducida a un 5 por cento, a metade do 9 por cento no conxunto do Estado”. Salientou que os socialistas revalidan os gobernos das alcaldías de Vigo, A Coruña e Lugo, mentres en Ferrol a esquerda suma máis votos que a dereita e en Santiago o PP quedará fora do goberno.

O responsable socialista emprazou aos próximos días para coñecer os resultados definitivos e “facer profundas análises” a nivel local e provincial e avaliar os resultados nos eidos rural e urbano.

 

Artigos relacionados

Back to top button